Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Existe outra maneira de gobernar Poio

    Estimado veciño, estimada veciña:

    Na noitiña do pasado luns 20 de xuño, pouco despois de chegar a casa de visitar distintos lugares do noso concello, recibín unha chamada da miña compañeira Rocío Cochón, procuradora dos Tribunais, cunha satisfacción que se podía escoitar ao outro lado do teléfono.

    Quería informarme de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acababa de notificar a sentenza sobre o recurso contencioso-administrativo que presentamos contra o recargo do IBI para segundas residencias aprobado en decembro de 2020 polo Tripartito.

    Aí estaba, ao final dos 15 folios de sentenza: O Tribunal estimaba o recurso, nos daban a razón e declaraban anulada a subida do 25% do IBI a vivendas desocupadas por ser contraria a dereito.

    Recoñezo que nese momento pasou pola miña mente todo o vívido con este asunto: as alegacións nas comisións, os debates nos plenos cando desde o Tripartito nos insultaron, acusándonos de non saber diferenciar taxas de impostos, tildándonos de ignorantes, mentireiros, “nenos enfermizos”, e retándonos a acudir á Xustiza.

    Recordei as reunións de traballo con compañeiros e xuristas para preparar o recurso. Tamén pensei en tantas persoas que durante a pandemia participaron nas manifestacións en coches para protestar por esta subida ilegal e inxusta do IBI. E, naturalmente, pese á seguridade de saber que estabamos facendo o correcto, a lóxica preocupación polo resultado da sentenza.

    Esas inquedanzas quedaron olvidadas ao constatar que o tempo e, sobre todo, a Xustiza déronnos a razón cunha sentenza que anula a subida do 25% ás vivendas desocupadas “por ser contraria a dereito”.

    Se gañar este procedemento xudicial é unha gran alegría, a verdadeira satisfacción está en conseguir anular un novo imposto inxusto co que o Tripartito pretendía castigar o que eles chaman “vivendas desocupadas” descoñecendo a realidade de Poio.

    Cantos veciños do noso municipio se sacrificaron no mar, na emigración e en distintos traballos para facer unha casa ou comprar un piso e poder darlles un futuro mellor aos seus fillos? Cantos simplemente a herdaron dos seus pais e avós despois dunha vida de traballo e sacrificio? Como se pode xustificar subirlles a estes veciños o 25% da súa contribución?

    A historia repítese: desde a chegada do Tripartito -ou, máis coloquialmente, os Tres Alcaldes,- converteron Poio no municipio con máis débeda da Provincia, e ese feito condiciónaos á hora de gobernar, obrigándoos a subir impostos e pedir préstamos cada ano para poder ter liquidez.

    Eu teño claro que os veciños temos que pagar impostos para poder ter servizos, pero o que non se pode é hipotecar o Concello con nove millóns de euros de débeda e despois esquilmar as familias para pagar esa débeda.

    A xente de Poio non ten culpa das malas políticas do Tripartito: non é xusto facerlles pagar a recollida do lixo máis cara de Galicia, os vaos máis caros da provincia ou a auga máis cara da comarca, nin subirlles a viñeta dos coches nin, en ningún caso, pretender aprobar unha  subida ilegal do IBI en plena pandemia.

    Desde o PP, nos últimos anos, propuxemos baixar o IBI do 0,47 ao 0,43: unha baixada seria e coherente que aforraría 400.000 euros ás familias de Poio. Unha proposta razoable, como a de baixar proporcionalmente o que o Concello recadou a maiores na última revisión catastral, ou rebaixas nas taxas e impostos e bonificacións que realmente axudasen ás familias de Poio; todo unido a facer investimentos e mellorar os servizos e equipamentos do noso Concello.

    E ese segue sendo o noso obxectivo e a nosa prioridade, como forza maioritaria no Concello, utilizando todos os recursos ao noso alcance: desa maneira conseguimos eliminar o imposto do cemiterio municipal, que o Tripartito pretendía incrementar, e así conseguimos, tamén, esta sentenza histórica do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que é unha vitoria da xustiza e un éxito para todos os veciños.

    Neste momento, quero dar as grazas a todos os que se mobilizaron para protestar pola subida de impostos, a todos os que nos apoiaron e loitaron para evitar que o Tripartito impuxese as súas políticas inxustas e insolidarias, e a todos os veciños que soñan cun Poio mellor e máis xusto, cada día somos máis e cada día está máis ao alcance da man.

    Para vós, o meu agradecemento e o de todo o PP de Poio, e un compromiso: seguiremos loitando xunto a vós para mellorar este concello e para conseguir que a transparencia, a xestión e os intereses da veciñanza cheguen á Casa do Concello.

    Co voso respaldo, seguiremos desmostrando que existe outra maneira de gobernar Poio.

     

    Ángel Moldes Martínez

    Presidente. PP de Poio