Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • Luis López sinala que o PP presentará os mellores proxectos para garantir maiorías fortes e estables nos 61 concellos

    • Promete “traballo, unidade sen fisuras, disposición absoluta e apoio ás xuntas locais”.

     

    24, xuño, 22.- O candidato a presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, pechou onte na cidade do Lérez a campaña electoral interna cara o congreso provincial que se celebra o sábado 9 de xullo en Vigo, cunha reunión á que asistiron alcaldes, voceiros e afiliados dos concellos da comarca, e á que se sumou ao remate o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda.

    Durante a súa intervención, López destacou que “non  hai partido máis local que o Partido Popular. “Somos o partido da xente”, subliñou, e recordou que na provincia, o PP ten edís nos 61 concellos e deputados provinciais en todos os partidos xudiciais. “Isto é estar coas persoas, escoitalos, atender as súas inquedanzas e defender os seus intereses. O noso partido ofrece alternativas en todos os concellos da provincia”.

    Así, comprometeuse a que o PP de Pontevedra presentará os mellores proxectos para os 61 concellos da provincia, xa que o obxectivo é garantir maiorías fortes e estables. “Son consciente de que vou asumir unha enorme responsabilidade e vouno facer con humildade, compromiso e ilusión” e anunciou que “tomaranse decisións que van ter un único fin, que é acertar para ofrecer os mellores proxectos en cada concello”.

    Ademais de reforzar as xuntas locais coa mirada xa posta nas municipais do ano próximo, nas que pretende mellorar resultados e afianzar alcaldías, López engadiu outros dous obxectivos: contribuír desde a provincia ao cambio necesario en España con Alberto Núñez Feijóo e revalidar a quinta maioría absoluta en Galicia con Alfonso Rueda.

    Para conseguilo, prometeu “traballo, unidade sen fisuras, disposición absoluta e apoio ás xuntas locais”. Apuntou que “o reto é seguir mantendo a unidade dun partido forte, que garante estabilidade onde goberna e no que confiar para xestionar os momentos complicados e nas peores situacións. Un partido serio, estable, moderado e responsable”.

    Por último, agradeceu o “grande apoio” que recibiu dos afiliados da provincia, que lle permitiu entregar 2.363 sinaturas para formalizar a súa candidatura a presidente provincial. “Un éxito colectivo, un xesto de respaldo inmenso para o proxecto e para o conxunto do partido”, concluíu.