22 de xuño de 2021. A concelleira do PP de Poio, Rocío Cochón, pediu este mércores a dimisión inmediata do concelleiro de Facenda do Tripartito de Poio, o nacionalista Xulio Barreiro, “por intentar subir o IBI de forma ilegal, por gastar os cartos dos veciños de Poio intentando que non prosperase o recurso do PP e por mentir dicindo que non tiñan pensado aplicar a subida, cando o certo é que intentaron por todos os medios que o TSXG non a anulase”
Cochón considerou “ridículas” as escusas do Tripartito tras coñecerse a sentenza que anula parte da Ordenanza Fiscal Reguladora do IBI de Poio, actualmente en vigor, aprobada definitivamente o 9 de marzo de 2021 cos votos de BNG, PSOE e Avante Poio e publicada no Boletín Oficial da Provincia o 31 de marzo de 2021 (https://boppo.depo.gal/detalle/-/boppo/2021/03/31/2021014428).
Cochón insistiu en que a ordenanza coa subida ilegal do 25% está plenamente en vigor, algo que pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia e na propia páxina do Concello, no apartado “Normativa en Vigor” ( https://concellopoio.sedelectronica.gal/transparency/3fc7f5ec-43b8-4a7b-a79e-7e67752af18a/ ), e o único motivo polo que aínda non se lle cobrou aos veciños é porque o prazo de cobro “comezaría este 31 de decembro”... “Xulio Barreiro segue facendo o que mellor se lle dá: mentir e insultar, neste caso aos veciños de Poio cunha mentira burda e que non se sostén. En lugar de mentir, Xulio Barreiro debe dimitir”
Ademais, Cochón recordou que a subida ilegal do IBI foi aprobada varias veces por BNG, PSOE e Avante Poio, e unha vez presentado o recurso por parte do PP, o Concello intentou que non prosperase. A popular fixo público o escrito enviado pola asistencia letrada do Tripartito ao TSXG, no que solicitaban ao TSXG “ratificar o acordo do pleno” e confirmar o recargo a vivendas desocupadas, aducindo que Ángel Moldes “non era parte interesada e non estaba lexitimado para interpoñer un recurso”.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou as pretensións do Concello, confirmou a lexitimidade de Ángel Moldes para recorrer a ordenanza e declarou a subida “nula de pleno dereito”, pero “Cantos cartos lle costou aos veciños de Poio que o concello se opuxera ao recurso do PP?”.
Xulio Barreiro foi desautorizado polos veciños nas últimas eleccións, cando o BNG perdeu, e durante estes tres anos de Tripartito, nos que centos de veciños se manifestaron contra as súas subidas de impostos e unhas políticas que fan moito dano ás familias, as empresas e aos traballadores de Poio... agora está desautorizado tamén pola xustiza, que evitou outra estafa do BNG.
Por mentirlle aos veciños, por subirlle os impostos ilegalmente, por levar a Poio a ser o Concello con máis débeda da provincia... non merece seguir un día máis nunha posición na que poida estafar aos veciños
Cochón ademais preguntou por que o Concello se opuxo a un recurso contra unha subida que segundo eles, non tiñan pensado aplicar: “Pois porque é mentira, así de sinxelo: ““O único motivo polo que os veciños non van a pagar máis este ano é grazas ao recurso do PP contra unha subida ilegal, e polo tanto Xulio Barreiro non debería chegar a San Xoán como concelleiro de Facenda”