Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O 19ª Congreso do PP de Pontevedra celebrarase en Vigo

    • Alberto Pazos subliña que “os afiliados están moi ilusionados”, e amosouse seguro de que “faremos unha transición ordenada e exemplar, como xa o fixemos tamén no Partido Popular de Galicia”

     

    14, xuño, 2022. O 19 Congreso do Partido Popular de Pontevedra celebrarase o sábado 9 de xullo en Vigo, tal e como decidiron por unanimidade os integrantes da Comisión Organizadora na reunión que mantiveron onte.

    Segundo explica o presidente da COC, Alberto Pazos, “toda vez que o último congreso provincial e tamén o autonómico se celebraron en Pontevedra, era interesante apostar por outra localización, e por iso decidimos de forma unánime que o 19 Congreso do PP de Pontevedra se celebre en Vigo, a cidade máis importante dentro da provincia”.

    Un congreso que renovará a cúpula do PP provincial, tras a renuncia de Alfonso Rueda para presidir o partido a nivel rexional. Unha renovación que, sinala Pazos, “realizarase con absoluta normalidade nun congreso no que os afiliados elixirán á persoa que vai presidir o Partido Popular de Pontevedra nun momento moi importante, no que o reto máis inmediato será reforzar e preparar ás xuntas locais do partido na provincia para afrontar as eleccións municipais do ano próximo, e garantir gobernos estables nos concellos”.

    Ademais, subliña que “os afiliados están moi ilusionados”, e amosouse seguro de que “faremos unha transición ordenada e exemplar, como xa o fixemos  tamén no Partido Popular de Galicia, sendo moi conscientes de que o importante non somos nós, son os pontevedreses”.

    Dentro do cronograma do congreso, ata o 23 de xuño está aberto o prazo para que os afiliados se anoten como participantes e, ata o 24, para que se inscriban como compromisarios para participar no Congreso. Un total de 690 compromisarios de toda a provincia participarán no proceso electoral, dos que 552 son electos -17 deles integrantes de NNXX- e 138 natos, entre os que se inclúe aos membros da Xunta Directiva provincial e aos integrantes da COC.

    No que respecta a candidatos para optar á presidencia do PP provincial, teñen ata o luns día 20 para presentar a súa candidatura, que deberá ir acompañada de un mínimo de 75 apoios de afiliados. Xa desde o 22 ao 29 de xuño, desenvolverase a campaña electoral interna onde as persoas candidatas a presidente poderán explicar o seu programa aos afiliados.

    Xunto a Alberto Pazos, forman a Comisión Organizadora do Congreso Ana Cristina Pérez como vicepresidenta; Marta Mariño como secretaria e os vogais Silvia Junco e Juan Andrés Bayón. Esta comisión será a encargada de coordinar, impulsar e dirixir todos os aspectos organizativos do congreso ata a súa celebración, momento no que asumirá estas competencias a mesa do congreso.