05, xuño, 2022.- O PPdeG insta ao Goberno central e ao PSdeG a reverter o agravio que supón para a Galicia rural o novo mapa concesional das liñas de autobús estatais, un despropósito que deixa a máis de 136.000 galegos sen parada de autobús. Para que a desconexión que pretende levar a cabo Pedro Sánchez non sexa unha realidade, o partido presentará unha Proposición non de Lei no Parlamento e mocións nos diferentes concellos.
Esta mesma semana, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, mantivo unha xuntanza con representantes políticos nalgúns dos municipios afectados por esta decisión -en total son 23 os prexudicados- á que asistiron o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, a tenente de alcalde de Lalín, Paz Asorey, e os portavoces do PP en Arzúa, Melide, Silleda e Allariz, Rafael Rivadulla, Dalia Couso, Ignacio Maril e Luz Doporto.
Todos eles coincidiron en cuestionar a actitude de Sánchez, que afonda no abandono do rural, eliminando paradas, suprimindo tráficos internos dentro da Comunidade e promovendo transbordos nas viaxes de longa distancia.
Ademais, ao mapa concesional súmase á Lei de Mobilidade que impulsa o Executivo central e que supón suprimir os trens rexionais galegos. Deste modo, é unha evidencia que o Goberno prima a planificación urbana e metropolitana, e a rendibilidade económica da mobilidade, condenando así ao rural a unha perda radical de servizos e de conectividade en transporte público.
Igualmente, afearon que nunha cuestión que se basea en conectar a vida das persoas e que canto máis precisamos a vertebración territorial, o Goberno de Sánchez opte por desconectar a Galicia, por poñer a marcha atrás e que borre do mapa 23 paradas claves para os galegos.