Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • Cubela: “Hai unha sentenza que di basta xa a Carmela Silva, que ten que saír do seu escondite e dar explicacións políticas no pleno”

    • Os populares insisten en que a presidenta debe dimitir dos seus cargos, “por sentido común, por ética e por moral que deben ter todos os responsables públicos”.
    • “Non só calan, senón que ademais pretendía silenciar á oposición”, denuncia.

     

    19, maio, 2022.- O grupo provincial do Partido Popular cualificou esta mañá como unha vitoria política e xudicial a sentenza do Xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra que dá a razón aos populares e ordena á Deputación de Pontevedra convocar o pleno extraordinario polo caso do enchufe da cuñada de Carmela Silva nos termos que solicitaron desde o PP.

    Durante unha rolda de prensa xunto ao resto de deputados provinciais, o voceiro Jorge Cubela dixo que “Carmela Silva non pode permanecer máis tempo calada ante uns feitos tan graves: a trama corrupta máis importante da historia recente de Galicia e na que está involucrada a súa familiar. Está arrinconada. Hai unha sentenza que di basta xa, que ten que saír do seu escondite e convocar o pleno extraordinario que o PP solicitou para dar explicacións e asumir responsabilidades pola trama corrupta para enchufar á súa cuñada”.

    Pero, ademais, o popular subliñou que esta sentenza tamén vén a recoñecer “a obstrución e os obstáculos” que desde o Goberno provincial se están poñendo de xeito continuado para impedir toda posibilidade de control político. “Di que perturba e restrinxe as atribucións básicas e esenciais que corresponden aos deputados”. Polo tanto, continuou, “non só calan, senón que ademais pretendían silenciar á oposición. Comportamentos máis propios de réximes totalitarios que de democracias asentadas. E este capricho vaille custar cartos á Deputación e aos pontevedreses”, xa que a sentenza tamén recolle que a institución provincial ten que asumir as costas do proceso.

    DIMISIÓN DE CARMELA SILVA

    Por todo isto, os populares entenden que Carmela Silva “non pode estar un día máis ao fronte da Deputación de Pontevedra. Está totalmente desacreditada. Ten que dimitir. Non o dicimos só desde o PP, tamén o di o sentido común, a ética e a moral que debemos ter todos os responsables públicos”.

    Din que a sentenza “supón un varapau para Carmela Silva, para o PSOE e para o BNG, que pretenden utilizar a institución para o seu propio interese político. E tamén para quen intenta presumir de transparencia baixo un titular efímero, pero a quen o xulgado lle está obrigando hoxe a ser transparente con feitos. Debe dar as explicacións que a cidadanía merece”.

    Para os populares, a resposta que necesitan é sinxela: “que persoa deu a instrución política para idear toda esta trama corrupta? Quen está detrás da decisión?”. Cubela subliñou que “non pode ser casualidade que a única beneficiaria de toda a trama sexa a cuñada da presidenta da Deputación ou que os dous condenados que gardaron silencio durante o xuízo e non aclararon de onde viña a instrución política, hoxe un deles estea esperando un indulto, alegando a súa militancia socialista e apoiado por sinaturas de asociacións municipais que reciben fondos públicos do Concello de Vigo, e que o outro condenado estea traballando para unha empresa concesionaria do concello e se vaia a subrogar cun contrato a unha futura adxudicataria”. Por iso, insisten en que “esta tomadura de pelo ten que rematar”.

    Ademais, durante a súa comparecencia, os populares recordaron que esta trama non está allea á Deputación de Pontevedra, “porque os que gobernan a institución provincial son os mesmos que gobernan no Concello de Vigo. Os mesmos protagonistas. E os delitos dos que falamos son moi graves. Prevaricación, malversación e fraude. E seguimos sen que ninguén asuma a súa responsabilidade política”.

    ACTITUDE BNG

    Por último, criticaron a actitude dos socialistas da provincia e galegos, que non deron nin unha soa explicación sobre esta trama corrupta, pero tamén a actitude do BNG, “cómplice necesario das artimañas dos socialistas na Deputación de Pontevedra”. Por iso, preguntaron si Ana Pontón se vai facer corresponsable desta actitude.