Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O PP pide ao Goberno provincial que deixen de dar bandazos e vender fume e rehabiliten con urxencia os edificios centrais do Museo

    • Pepa Pardo recorda que “cada mañá, cada día, cada mes asistimos a unha nova noticia sobre que se vai facer co Museo de Pontevedra, pero a realidade é que aínda non hai nada”.
    • Cubela critica que levan pechados sete anos, privando á cidadanía do contido cultural e artístico do Museo cando hai tempo que poderían estar gozando plenamente del”.

     

    12, maio, 2022.- O grupo provincial do Partido Popular volveu a esixir esta mañá á Deputación de Pontevedra que deixe de dar bandazos e vender fume, dunha vez, rehabilite os edificios centrais do Museo de Pontevedra, que levan pechados sete anos, a pesar de ser un emblema e a xoia da mazá cultural da cidade.

    “Reclamamos que, dunha vez por todas, se acometa a rehabilitación dos edificios, que non perdan  máis tempo. Levamos dando bandazos con isto sete anos, os mesmos que levan pechados estes edificios, privando á cidade do contido cultural e artístico do Museo cando hai tempo que a cidadanía podería estar gozando plenamente del”, denuncia o voceiro do grupo, Jorge Cubela. Ademais, di que “cada vez resulta máis complicado saber o que quere César Mosquera, o vicepresidente da Deputación provincial, porque cada dous días fai un  anuncio diferente. Por iso, pregunta, “qué o que realmente quere facer o Goberno provincial respecto aos edificos históricos do Museo?”.

    Nesta mesma liña se pronuncia a deputada Pepa Pardo, ao dicir que “estamos ante unha auténtica incógnita e pasividade do goberno provincial, que non saben que van facer con estes edificios. Levamos xa dous mandatos con isto. Cada mañá, cada día, cada mes asistimos a unha nova noticia sobre que se vai facer co Museo de Pontevedra, pero a realidade é que aínda non hai nada”.

    Recorda que pásase das “moi pronto haberá noticias” do anterior deputado  Xosé Leal, ás “haberá novas noticias e importantes” de Mosquera, e a anunciar en 2019, coincidindo coa presentación dunha moción do PP para reclamar a rehabilitación dos edificios históricos, un macroproxecto soterrado. Ao mesmo tempo, continúa Pardo, o Goberno da Deputación anuncia a cesión dunha finca municipal en Valdecorvos para crear unha nave. Despois deixan de lado o proxecto soterrado para incluír Santa Clara ao Museo. E, agora, volven recuperar a sala soterrada, un proxecto que xa estaba abandonado. “Venden fume, non teñen un proxecto claro e, mentres, estes edificios están  morrendo”, denuncia.

    Ademais, a popular subliña que esta sala soterrada nos edificios centrais conta coa oposición da cidade. “Pero non lles importa, dálles igual. Non teñen respecto nin consideración pola opinión dos pontevedreses, que están amosando publicamente o seu rexeitamento total ao proxecto faráonico”.