Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • Deputados provinciais e concelleiros do PP denuncian atrasos de seis anos na humanización da estrada do Porto, en Vigo

    • Visitan a estrada acompañados polos veciños do lugar, que sinalan que a obra leva parada case un ano.
    • Esixen a Concello e Deputación que fagan os deberes e retomen de inmediato as actuacións.
    • Hai tramos con estreitamentos e sen beirarrúas, e o estado é de completo abandono.

     

    9, maio, 2022.- Deputados provinciais e concelleiros do Partido Popular de Vigo denuncian atrasos de máis de seis anos nas obras de humanización que o Concello de Vigo está a executar en convenio coa Deputación de Pontevedra na estrada do Porto, na cidade olívica. Os voceiros do grupo provincial, Jorge Cubela, e municipal, Alfonso Marnotes, acompañados do tamén deputado Javier Tourís, visitaron esta mañá as obras acompañados polos veciños da parroquia de Beade para esixir a Concello e Deputación que fagan os deberes e retomen de inmediato as actuacións.

    Alí comprobaron como a obra, que foi planificada en decembro de 2016, “está completamente paralizada e acumula xa case seis anos de atrasos”, denuncia Cubela. O voceiro popular defende que “os investimentos non son importantes pola cantidade, senón polo resultado e polas melloras que ofrecen, e a realidade é que neste caso o resultado non satisfai a ninguén. É unha auténtica chapuza. Tanto na execución, con anos de atrasos e tres modificacións de prazos, como no proxecto”.

    Durante o percorrido, os populares comprobaron como “hai tramos sen beirarrúas, o alumeado público non funciona, tramos que quedan sen ensanchar e rematan de forma abrupta en medio dun regato, no límite da parroquia con Valladares, e a só cen metros doutro tramo de estrada ensanchado hai anos...” Ademais, “xa non hai máquinas nin obreiros no lugar. E segundo explican os veciños, neste momento leva parada case un ano, desde xullo de 2021”.

    Ante esta situación, esixen que o Concello, que é propietario dos terreos tras asinar a cesión deste tramo de estrada provincial, se poña as pilas, comece a traballar e remate a obra dunha vez. E reclaman á Deputación de Pontevedra que cumpra a súa parte do convenio, que consiste en controlar, inspeccionar e facer seguimento destas obras.

    “O que ten que facer a obra, que é o Concello de Vigo, tardou nada máis e nada menos que tres anos en adxudicar a obra. En 2016 asínase o convenio e ata novembro de 2019 non foi quen de adxudicar a obra. E unha vez adxudicada, durante case tres anos a obra sufriu paralización tras paralización”, denuncia Marnotes, que lamenta que ante esta falta de acción do Goberno vigués a Deputación de Pontevedra sexa cómplice e mire cara outro lado.