Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O PP critica que a Deputación continúa sen ofrecer solucións aos concellos para facer fronte ao incremento desmesurado do gasto corrente

    • Cubela recorda que asistir e dar apoio económico aos pequenos e medianos concellos é unha competencia básica da institución provincial.
    • “O Goberno acaba de aprobar un suplemento de crédito de 1,5M€ para sufragar o aumento do subministro en edificios provinciais. Recoñece que hai un problema pero vota en contra de apoiar aos concellos”, critica.
    • “Si os concellos non podemos chamar á porta da Deputación en situacións tan complicadas como esta, para que necesitamos a este Goberno provincial?”

     

    03, maio, 2022.- O Partido Popular de Pontevedra critica que a Deputación continúa sen ofrecer unha solución aos concellos da provincia para facer fronte ao incremento desmesurado do gasto corrente. O voceiro Jorge Cubela sinala que o Goberno provincial “acaba de aprobar un suplemento de créditos de 1,5 millóns de euros para sufragar o incremento do subministro eléctrico nas dependencias provinciais. Está recoñecendo que hai un problema, pero vota en contra de apoiar aos concellos”.

    Neste senso, Cubela recorda que asistir e dar apoio económico aos pequenos e medianos concellos da provincia é unha competencia básica e fundamental das deputacións. “Estamos asfixiados. Non chegamos a final de mes. Están en xogo servizos municipais fundamentais para a cidadanía. E que fai a Deputación? Absolutamente nada. Dar as costas aos concellos e á cidadanía. Non fixeron nada na pandemia sanitaria e non van facer nada nesta crise económica. Ante situacións excepcionais este Goberno dá a calada por resposta. Non teñen capacidade para reaccionar e tomar decisións urxentes de acordo co momento e a situación tan complicada que estamos vivindo”.

    Ademais, o popular cuestiona que “si os concellos non podemos chamar á porta da Deputación en situacións tan complicadas como esta, para que necesitamos a este Goberno provincial?”. Recorda que o gasto corrente nos concellos da provincia está aumentando, de media, un 50% debido ao incremento da luz, dos combustibles e doutros subministros. “Os orzamentos dos concellos son moi limitados e, polo tanto, incapaces de asumir este desequilibrio nas contas municipais”.

    Por último, recorda que “axudar aos concellos a manter a prestación de servizos fundamentais é cuestión de vontade política do Goberno provincial, porque a Deputación ten capacidade económica para facelo”. Por iso, “si non queren cumprir coas súas competencias e apoiar aos concellos, que nos digan que debemos facer: subir impostos, deixar de prestar servizos... Que quere que fagamos? Os concellos non teñen capacidade nin posibilidade de poder sacar cartos doutra parte para poder facer fronte a estes imprevistos. Son servizos de competencia municipal, e suporía recortar, reducir, retroceder ou incluso deixar de prestar algún destes servizos que son fundamentais”.