Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O PP urxe á Deputación un plan de axudas directas para paliar as consecuencias da inflación en sectores económicos da provincia

    • Cubela defende que se apoie aos autónomos e pemes que ven en risco serio a súa supervivencia, “neste contexto debemos ter claras as prioridades e destinar todos os esforzos a intentar paliar os efectos desta crise”.

     

    27, abril, 2022.- O grupo provincial do Partido Popular urxe á Deputación de Pontevedra aprobar un plan de axudas directas, a través dunha modificación de crédito orzamentaria, destinada a apoiar aos sectores económicos da provincia afectados pola inflación e o incremento desmesurado dos prezos.

    O voceiro Jorge Cubela explica que, cunha inflación desbocada do 9,8%, por riba da maior parte dos países da nosa contorna, disparada pola escalada vertixinosa do prezo dos produtos enerxéticos, carburantes e materia prima, “faise necesario que todas as administracións sen excepción e sen excusas adopten medidas urxentes, tamén a institución provincial”.

    Por iso, este venres defenderán no pleno provincial unha moción que xa presentaron nas comisións informativas da semana pasada, para que a Deputación aprobe un plan de axudas directas coas que apoiar aos sectores económicos da provincia afectados por esta situación, como por exemplo o sector agrícola, gandeiro, conserveiro, pesqueiro… “En definitiva, autónomos e pemes da nosa provincia que ven en risco serio a súa supervivencia. Neste contexto, debemos ter claras as prioridades e destinar todos os esforzos a intentar paliar os efectos desta crise e pasar, dunha vez por todas, á tan necesaria recuperación”, defende Cubela.  

    Os populares critican que o incremento do prezo da enerxía, dos carburantes e da cesta da compra ameaza ás familias e a competitividade das empresas. España leva meses vivindo as consecuencias dunha política enerxética irresponsable, que os cidadáns están notando nos seus petos: no prezo da luz, no prezo dos carburantes e, por conseguinte, en toda a cesta da compra. Unha situación que, sosteñen, “agrávase pola falta de medidas eficaces do Goberno central, cun plan de choque improvisado que non é capaz de minimizar o enorme impacto das subidas do prezo da luz, o gas e os hidrocarburos a familias, pemes, autónomos e a todo o tecido empresarial e industrial. Unha inacción que, coa inflación máis alta dos últimos 37 anos e a piques de superar os dous díxitos, pon en perigo a recuperación, lastrando a economía das familias e a competitividade das empresas”. De feito, recordan que desde a Unión Europea xa están advertindo ao Goberno de España do desequilibrio das súas contas e un posible desplome económico.

    Por iso, insisten en que o Goberno provincial “ten que comprometerse en serio coa provincia. Ante situacións excepcionais, deben darse respostas excepcionais”. Cubela pide que escoite aos sectores produtivos e económicos, que están pedindo axudas directas á Deputación de Pontevedra, do mesmo xeito que xa están facendo ou fixeron outras institucións provinciais. “Sempre dicimos o mesmo, pero o certo é que é unha decisión política. A Deputación ten capacidade económica para aprobar un plan de axudas, pero é preciso que o Bipartito provincial queira facelo”.