Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • Alfonso Rueda lanza a súa candidatura a presidir o PPdeG: “Somos o partido da estabilidade e as respostas”

    • Diante da xunta directiva provincial, sinala que os seus obxectivos son asegurar a normalidade e progreso que xa ten Galicia; contribuír ao cambio necesario en España; e dar ao PP unha nova maioría absoluta en 2024.

     

    22, abril, 2022. O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, anunciou esta tarde ante a xunta directiva provincial a súa candidatura para presidir o PPdeG. “Precisamos un novo equipo que o lidere sen cambiar os seus principios. Temos unha traxectoria de éxito que continuar e novas metas por conquistar, e por iso póñome á vosa disposición para encabezar un proxecto de todos no Partido Popular de Galicia”. E o fai, sinalou, “coa modestia de ser un afiliado máis, pero con toda a convicción. Coa experiencia de todos estes anos, pero coa ilusión dos novos comezos. E coa responsabilidade do moito que temos por diante, pero coa certeza do moito que podemos facer”.

    Durante a súa  intervención, o presidente popular apelou á unidade do partido. “Xuntos faremos unha transición tranquila e exemplar, porque o importante non somos nós, é Galicia. Somos o partido da estabilidade e das respostas”. E adiantou que conta “con cada afiliado, con cada alcalde e presidente local, cos meus compañeiros na Xunta de Galicia e, por suposto, conto cos presidentes provinciais, aos que lle pido que non renuncien a seguir defendendo A Coruña, Ourense e Lugo porque así é como darán o mellor de Galicia”.

    Subliñou tres obxectivos “claros e ambiciosos” para optar á presidencia do PPdeG. O primeiro, “asegurar estes dous anos a estabilidade, a normalidade e o progreso que Galicia xa ten e segue precisando”. O segundo, “contribuír decisivamente ao cambio necesario en España con Feijóo ao fronte”. E, por último, “dar ao PP de Galicia unha nova maioría absoluta nas seguintes eleccións autonómicas para que Galicia siga tendo un Goberno libre. Iso comeza hoxe desde aquí”.

    Alfonso Rueda quere que o Partido Popular de Galicia dea de que falar “por ser o que mellor defende os intereses dos galegos, por colleitar o seu respaldo maioritario e por ser útiles en cada momento”. Por iso, dixo que “aos que están agardando por un partido que sexa protagonista por leas internas, teñen a outros aos que mirar. O noso modelo non é o cainismo interno, nin abrir en canal o partido para cada decisión, tampouco abrir reflexións durante meses para que miren cara nós. O noso modelo é o debate, as ideas, a participación e a unidade”.

    Rueda, que tivo palabras de recoñecemento para Núñez Feijóo, porque “tiven o privilexio de aprender do mellor e eu espero que esa sorte sexa agora de Galicia”, amosou o seu agradecemento porque “confiou en min sen coñecerme de nada e, aínda ten máis mérito, seguiu e segue confiando despois de coñecerme”.

    Por último, recoñeceu que “sempre me sentín un privilexiado por traballar polo ben dos galegos e, como tal, tentei estar á altura dando o máximo de min en todas as miñas responsabilidades”.