Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O Partido Popular denuncia o abandono do talaso natural de Baiona

     

     

    • Reclaman ao Goberno local que faga o mantemento e poña a funcionar esta instalación pioneira, un servizo municipal e gratuíto con grandes propiedades terapéuticas naturais.
    • Critican que “en 2021 non usaron a partida destinada a mantemento da instalación, e este ano reservan só 500 euros. O que amosa que a súa intención é deixalo morrer”.
    • Recordan que a actuación fíxose con cargo ao Plan Concellos, e por iso piden á Deputación que interceda para garantir o bo uso dos fondos provinciais.

     

    11, abril, 2022.- O Partido Popular denuncia o abandono “total” do talaso natural Monte Boi, en Baiona. Un talaso ao aire libre, con grandes propiedades terapéuticas, inaugurado en outubro de 2018 para funcionar seis meses ao ano, pero que leva pechado desde o ano 2020. “Están deixando morrer unha instalación pioneira, un atractivo servizo para os veciños de Baiona, por unha cuestión política”, critica o voceiro local e deputado provincial, Ángel Rodal, que esta mañá visitou o talaso acompañado polos deputados Jorge Cubela e Alfonso Marnotes.

    Esixen ao Goberno local que faga o mantemento e poña a funcionar a instalación. “É un exemplo de como rentabilizar os nosos recursos e o poder terapéutico das algas, os oligoelementos e o mar, pero este Goberno prefire tirar con todo o investido en Monte Boi en lugar de potencialo e dalo a coñecer porque suporía recoñecer o seu éxito”, critica.

    Di que “primeiro puxeron como escusa a pandemia, pero agora, sen restricións por cuestións sanitarias e cando debería estar xa a piques de poñerse en funcionamento, o que temos é que o talaso de Monte Boi está totalmente abandonado. Non hai ningún interese por parte do Goberno local en recuperar este servizo municipal e gratuíto para os veciños de  Baiona que, recordamos, conseguiu o segundo premio da categoría “Best of seaside” (“Lo mejor de la zona costera”) de los premios europeos The Best of Top 100 Destinations” concedidos na Feira de Turismo de Berlín.

    Rodal explica que nin en 2020 nin en 2021 o Concello de Baiona cumpriu co mantemento que esixe a instalación. Así, o ano pasado non usaron os 7.500 euros que se incluían nos orzamentos municipais para o talaso natural, e xa este ano só reservan nesa partida 500 euros. “O que amosa que a súa intención é abandonar este servizo municipal”.

    Por último, recordan que esta actuación fíxose con cargo ao Plan Concellos e, por iso, piden á Deputación de Pontevedra que interceda para garantir o bo uso e funcionamento dos fondos provinciais. Nesta liña, o voceiro do grupo, Jorge Cubela, di que “non ten sentido que se destinen cartos públicos a instalacións para que, despois, cun cambio de Goberno, se renuncie ao seu mantemento e se deixe de potenciar, en claro prexuízo para os veciños. Son instalacións que deben estar por riba dos intereses políticos. Hai unha instalación municipal, un servizo moi positivo para os veciños de Baiona, e o incomprensible é que o Goberno local abandone esta instalación á súa sorte”.