Cuntis, 25, marzo, 22.- O PP de Cuntis denuncia a continua manipulación que está facendo o Goberno socialista da información que se traslada ós medios de comunicación sobre a situación do concello. O máis escandaloso, apuntan a voceira Isabel Couselo, foi dicir que a débeda global de Cuntis é 608.000 euros. “Isto é rotundamente falso, ese é o crédito que se vai formalizar nos vindeiros días para pagar só unha parte das débedas, pero o total de facturas sen pagar pode estar xa por riba de un millón de euros. Polo tanto, vai quedar case a metade sen pagar e sen saber como imos resolver o problema. E a isto hai que sumarlle os dous créditos que xa ten o concello, un deles por todos eses farois que se colocaron nas aldeas uns meses antes das eleccións, e polos que se debe aínda máis de 400.000 euros”, sinala.
No pleno celebrado esta semana, Couselo desvelou os datos “da grave situación económica” do concello, tanto das débedas como das consecuencias que vai ter ese novo crédito: tirar con escandalosas cantidades en intereses, varias subidas de IBI, do imposto dos vehículos e outras taxas ós veciños, a partir xa de xaneiro; cobro polas terrazas e o servizo de emerxencias… Pero o máis grave, apunta a voceira, “é que Cuntis queda intervido polo Estado para os próximos 12 anos, atados de pés e mans para tomar decisións e sen poder realizar grandes inversións. E as consecuencias graves non as imos ver o ano que vén, senón dentro de varios anos. Quedamos estrangulados ata 2034. Todo isto por mandar facer traballos sabendo que non había diñeiro para pagar, e dun xeito desmesurado nos últimos catro anos”.
Ademais, no pleno os populares xa pediron explicacións doutras declaracións do Alcalde dos últimos días, nos que ademais de disfrazar a grave situación económica do Concello, “non ten o máis mínimo pudor en culpar a funcionarios municipais, e inventar trabas nos informes que son falsas, e responsabilizalos da decisión de non modificar o orzamento deste ano. Cando o único responsable de non corrixir os graves erros que ten é o Goberno socialista. Como o dos 205.000 euros en licenzas do Polígono industrial, cando é totalmente imposible. Non hai un só papel firmado ó respecto, polo que non haberá polígono neste ano nin nos próximos. Iso si, uns meses antes das eleccións, sacarase fume en prensa para confundir ós veciños”.