Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Para o PP, as visitas dos socialistas á oposición poden ser unha oportunidade para que coñezan dunha vez aos alcaldes

    • O voceiro Ángel Moldes convida a Carmela Silva a acompañar a Santos Héctor e que se interese polas necesidades e prioridades dos veciños.
    • Recorda que hai doce alcaldes populares esperando a que a presidenta da Deputación os reciba ano e medio despois, e que hai 18 concellos que aínda non visitou.

     

    Pontevedra, 21 de outubro de 2016.- O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, considera que as visitas que o PSOE está facendo aos seus grupos municipais na oposición poden ser unha oportunidade para que coñezan dunha vez aos alcaldes e alcaldesas desta provincia. “É inconcibible que Carmela Silva non coñeza a algúns dos alcaldes e das alcaldesas desta provincia, polo que si esta pataleta é unha oportunidade para que por fin se achegue aos concellos, benvida sexa”, sinala.

    Ademais, o voceiro salienta que, nunha nova ocasión, o PP é quen está marcando a axenda do grupo socialista. “Non teñen iniciativas, móvense a base de impulsos e de improvisacións. Son unha mala copia”, critica.

    Ángel Moldes convida a Carmela Silva a que acompañe a Santos Héctor na súa visita aos grupos socialistas municipais, “porque parece que vai ser a única forma de que a presidenta da Deputación de Pontevedra se achegue a estes concellos e vai ser a única forma de que os alcaldes poidan achegarse a ela para falarlle dos intereses, das necesidades e das prioridades dos seus veciños”.

    Así, recorda que hai doce alcaldes populares esperando a que a presidenta da Deputacións os reciba ano e medio despois, e apunta que nalgunha ocasión hai ata tres peticións por escrito, mentres que aínda quedan 18 concellos gobernados polo PP que a estas alturas de mandato aínda non visitou. Como exemplos, recorda que os alcaldes e alcaldesas de Agolada, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Lama, Moraña, Oia, Portas, Redondela, Vila de Cruces ou Vilanova teñen entrevistas pendentes con Carmela Silva a día de hoxe. “O vicepresidente da Xunta de Galicia non tiña ningunha petición de reunión de Carmela Silva, pero ela si ten moitas de alcaldes e alcaldesas e están gardadas nun caixón”, denuncia.

    Por outra banda, Ángel Moldes tamén cuestionou as declaracións que Santos Héctor fixo onte na súa visita ao grupo socialista de Mos, e na que foi recibida polo tenente de alcalde e concelleiros do goberno municipal, ao apuntar que nesta Deputación a confrontación non ten cabida. O voceiro popular recordou que nunca antes o goberno da Deputación tivo unha actitude como a actual, confrontando continuamente e buscando problemas non só co grupo provincial maioritario, senón tamén cos concellos, coa Xunta, co Estado, e incluso con colectivos e traballadores.