Pontevedra, 20 de outubro de 2016.- O presidente provincial do PP de Pontevedra e vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, considera absurdas as escusas que a presidenta da Deputación pon para non reunirse con Ence. “Ence está disposto a investir 5 millóns de euros no Pazo de Lourizán, o lóxico é que estea nesa reunión para que nos explique a Xunta e Deputación o que quere facer e como quere facer ese investimento. Falar deso sen ter presente aquel que vai pagar a obra, que ten os obxectivos e que vai facer o investimento non ten moito sentido”.
Durante unha entrevista en Cope Pontevedra, Alfonso Rueda explicou que o sitio para celebrar a reunión é o de menos. “Se a presidenta da Deputación quere que sexa na Deputación non hai ningún problema, pero o que non ten sentido é facer unha reunión para falar da rehabilitación do Pazo de Lourizán sen que estea presente a parte que vai facer ese investimento”.
Nesta liña, Rueda considera que é absurdo que Carmela Silva diga que non se reúne con empresas privadas. “Estou seguro de que falou moitas veces con empresas privadas como é a súa obriga cando vai en beneficio da institución que preside, igual que teño feito eu ou calquera político con responsabilidade, polo tanto esa é unha escusa”.
“Dicir que non se fala con empresas privadas é absurdo, hai que falar con todo o mundo, sendo obxectivo, con total transparencia e cumprindo a legalidade con todo aquel que poida atraer algo beneficioso e estea disposto a investir”.
“O problema é que o BNG, o seu socio de goberno non lle deixa que fale con Ence e pon estas escusas absurdas para evitar a reunión”, considera Rueda.
Sinala que hai que darlle certas facilidades a quen quere facer investimentos. “Eu desde logo como vicepresidente da Xunta, se desde a Deputación non queren falar con Ence do que queren facer en Lourizán non estou disposto a que ese investimento se escape da provincia de Pontevedra e desde a Xunta de Galicia haberá que dicirlle a Ence que faga ese investimento noutro sitio. “É unha mágoa que non sexa en Lourizán, pero se a Deputación non quere falar con Ence, ese investimento ten que facerse noutro sitio”.
Rueda lamentou que Carmela Silva antepoña os intereses políticos ao resto e explicou que el non vai facer de transmisor de quen se pode explicar directamente.