Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP lamenta que a Deputación renuncie a mellorar as emerxencias da provincia e aposte por prorrogar o convenio actual

    • O Goberno provincial bloquea melloras como aumentar a 12 efectivos todos os GES; tamén a crear un subGES no Grove; mellorar as condicións laborais dos profesionais ou duplicar a financiación para Ponteareas e Sanxenxo que, aínda sendo municipais, prestan un servizo supramunicipal.
    • Cubela di que “é cuestión de vontade política do PSOE e BNG, porque a institución provincial ten capacidade económica para incorporar melloras”.
    • Apunta que “a competencia en emerxencias é da Deputación, o rexeitamento a mellorar, tamén do Goberno provincial, pero os prexudicados desta decisión son os concellos e a cidadanía”.

     

    14, xaneiro, 2022. O grupo provincial do Partido Popular lamentou hoxe que a Deputación de Pontevedra renuncie a mellorar as emerxencias da provincia, e bloquee todas as propostas feitas polo Goberno da Xunta de Galicia para mellorar a atención, a calidade do servizo e o tempo de resposta. Foi durante o pleno extraordinario que se celebrou no Pazo Provincial, no que se aprobou prorrogar o convenio actual para os GES da provincia.

    O voceiro Jorge Cubela explicou que o voto do seu grupo é favorable a ese convenio, porque os concellos e a cidadanía da provincia non poden prescindir desa atención. “Pero lamentamos profundamente que PSOE e BNG non sexan máis ambiciosos e renuncien a incorporar melloras moi importantes, e se conformen cun acordo de mínimos, con manter o que xa temos, como mínimo, dous anos máis”. Por iso, engadiu, “como son melloras moi importantes para a provincia, seguiremos defendendo que se incorporen no futuro”.

    O deputado popular subliñou que con esta decisión do Goberno provincial non haberá subGes no Grove, tampouco se ampliará o persoal para que todos os GES teñan 12 efectivos; non se actualizarán os salarios dos traballadores e, por último, tampouco se duplicará o financiamento dos servizos municipais de Sanxenxo e Ponteareas, que prestan un servizo supramunicipal.

    “Neste non polo non no que está instaurada esta Deputación, bloqueáronse importantes melloras que propuxo a Xunta e que si se aplicarán en Ourense. Pero aquí en Pontevedra non puido ser pola insistencia deste Goberno a rexeitar calquera mellora ou proposta que proveña da Xunta, independentemente de a quen beneficie”, criticou. Por iso, o popular pediu qeu “non pensen en que en fronte está o PP. Pensen nos concellos e na cidadanía, e en que as emerxencias é un servizo fundamental e prioritario”.

    O popular insistiu en que os servizos de emerxencias son competencia das deputacións e dos concellos de máis de 20 mil habitantes, pero a Xunta amosou sempre a súa disposición a colaborar asumindo máis da metade do financiamento dos GES. “Chama a atención o descoñecemento do Goberno provincial, non sabemos si intencionado ou non, sobre cales son as súas competencias. As emerxencias son competencia das Deputacións”, subliñou, e recordou que no caso dos GES de Lalín, da Estrada ou Redondela, de máis de 20 mil habitantes, a aportación da Deputación é fundamental porque aínda que as sedes están neses concellos, a atención abarca tamén aos da súa contorna.