Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP de Meis sinala que Marta Giráldez é a única responsable da nefasta xestión coa recollida de lixo

    • Acusan á alcaldesa de mentir e intentar tapar a súa incapacidade culpando aos populares, que en ningún momento votaron en contra do seu proxecto ao antepoñer os intereses dos veciños e a prestación do servizo.
    • “O proxecto, que vendeu como fantástico, custou miles de euros ás arcas municipais e, ao final, ningunha empresa quixo facerse cargo porque era un desastre”, engaden.

     

    Meis, 27 de decembro de 2021.-  O Partido Popular de Meis sinala que a única responsable da nefasta xestión co servizo de recollida de lixo é a alcaldesa, Marta Giráldez. Os populares contestan así ás declaracións feitas pola rexedora, nas que acusa á oposición da súa propia incompetencia. “Esquécese de que leva tres anos gobernando o Concello de Meis, e xa non vale botarlle as culpas ao anterior alcalde. Ten que asumir os seus erros, e a súa xestión co servizo de recollida de lixo foi un auténtico desastre”, valora o voceiro José Luis Pérez.

    Nesta liña, recorda que o PP nunca votou en contra do novo proxecto da alcaldesa, a pesar de que a xestión foi nefasta. “Tanto é así, que o proxecto, que vendeu como fantástico, custou miles de euros ás arcas municipais e, ao final, ningunha empresa quixo facerse cargo porque era un desastre”, engade.

    Ademais, Pérez sinala que os populares preguntaron sobre esta situación, e a resposta do Goberno foi que houbera un erro pequeno que resolverían de inmediato. “Pero á vista está que non foron quen de resolvelo, nin de arranxar, nin de facer nada, e acabaron por adherirse ao servizo da Mancomunidade”.

    E en todo este proceso, engade, “e a pesar de todo este desastre, o PP continuou antepoñendo o interese dos veciños e a prestación do servizo e por iso tampouco votou en contra”. Unha decisión que, indica o popular, pode comprobarse nas actas dos plenos municipais, como tamén todo o proceso. “Por iso pedimos á alcaldesa que deixe de mentir. Porque cando desde outro concello se lle di que iso é ilegal, non se lle ocorre outra cousa que culpar ao PP de Meis e pedir a súa dimisión para botar balóns fóra. Cando en realidade o responsable de toda esta situación é o Goberno local e a alcaldesa e, polo tanto, si alguén debería dimitir serían eles por inútiles na súa xestión”.

    Por último, recorda que o PP nunca votou en contra nin sequera dos orzamentos municipais, convencidos de que a xestión do Goberno local é tan mala que eles mesmos se delatan. “Deixen de buscar complots onde non os hai, asuman os seus fracasos e non culpen aos demais da súa incompetencia. Esta alcaldesa é moi mala xestionando e moi boa mentindo”, conclúe.