Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP denuncia o veto na Deputación para celebrar o pleno no que Carmela Silva explique e asuma responsabilidades pola contratación irregular da súa cuñada

     

    • Pardo sinala que “a persoa que tería que convocar o pleno é Carmela Silva, pero instaura a censura escondéndose detrás dun funcionario e dun informe cunha fundamentación xurídica que non compartimos en absoluto”.
    • Desde o PP estudarán as opcións xurídicas que teñen contra o rexeitamento do Goberno para celebrar o pleno extraordinario

     

    21, decembro, 2021. O grupo provincial do Partido Popular denuncia o veto na Deputación de Pontevedra para celebrar o pleno extraordinario no que Carmela Silva debería explicar e asumir a súa responsabilidade política tras a sentenza do Tribunal Supremo pola que un alto funcionario do Concello de Vigo vai ir cinco anos á cárcere por unha trama para contratar de xeito irregular á cuñada da presidenta, cobrando sen traballar do erario público de todos os vigueses.

    “A persoa que tería que convocar o pleno é Carmela Silva, pero instaura a censura e o veto na Deputación escondéndose detrás dun funcionario e dun informe cunha fundamentación xurídica que non compartimos en absoluto”. Un informe que lle sirve á presidenta “para evitar falar e non asumir a súa responsabilidade”, e no que se basea “para denegar a convocatoria dun pleno extraordinario solicitado con todas as formalidades legais. Decisión que entendemos non está xustificada e que vulnera o noso dereito fundamental á participación política”. Por iso, desde o PP estudarán as opcións xurídicas que teñen contra o rexeitamento do Goberno para celebrar o pleno extraordinario.

    A popular insiste en que a cidadanía e a oposición ten dereito a saber a relación de Carmela Silva con esta trama corrupta, a maior da historia recente de Galicia. “Por dignidade, por hixiene democrática e por moral, porque un funcionario vai ir á cárcere por contratar irregularmente á súa cuñada, Carmela Silva debería dar a cara e asumir a súa responsabilidade”. Para os populares, “non é casualidade que toda esta trama se idease para beneficiar economicamente á familiar da presidenta da Deputación e membro do Goberno de Vigo. Non se beneficiou ningún outro vigués ou viguesa, foi a cuñada de Carmela Silva. Temos que crer que non sabía que estaba recibindo cartos do Concello de Vigo por non traballar?”.

    Para Pardo tamén resulta sorprendente que o seu socio de Goberno, o BNG, continúe calado e sen reclamar explicacións a Carmela Silva. “Instaurouse o mutismo no socio de Goberno de Carmela Silva, unha actitude de indiferencia que é intolerable, cando estamos falando de que a maior trama de corrupción da historia recente de Galicia salpica directamente á presidenta da Deputación de Pontevedra”.

    Por último, recorda que “non foi o PP quen puxo a denuncia que levou a esta sentencia demoledora do Tribunal Supremo. Naceu no propio partido socialista”.