Poio, 12 de outubro de 2016.- O presidente local do PP de Poio, Ángel Moldes, criticou hoxe ó goberno local despois da reunión de onte entre a Xunta, os concellos de Poio, Marín e Pontevedra e representantes de confrarías e mariscadoras, na que o bipartito poiense volveu demostrar que “21 anos despois, ten a mesma actitude frente o saneamento da ría: a inoperancia”.
Moldes recordou que na reunión de onte a Concelleira de Medio Ambiente e Infraestructuras explicou algúns dos traballos das primeiras fases do Plan de Saneamento Local da ría de Pontevedra, cun importe de 1,5 millóns de euros, inclúen o rexistro de 15.000 pozos e a análise de 1.000 km de rede para mellorar o sistema de saneamento de Pontevedra e que prevén investimentos de ata 45 millóns de euros, como a EDAR e emisario submarino de Praceres, a mellora da rede de saneamento de Marín e, o máis importante para Poio, a futura EDAR que dea servizo ás parroquias de Raxó e Samieira.
O presidente popular explicou que mentres a ampliación do emisario –prioritaria para o sector do mar e en favor da que o propio PP de Poio levou a cabo unha recollida de sinaturas- está cada vez máis preto, a ubicación para a depuradora segue no mesmo punto que nos últimos 21 anos, “agardando que o goberno de Poio deixe de agocharse”.
Así, mentres o goberno galego ten consignada unha partida de 5,7 millóns de euros para a depuradora para as dúas parroquias poienses –o único concello de máis de 10.000 habitantes con núcleos sen depuración de augas residuais-, o concello de Poio négase a proporcionar unha ubicación viable para a infraestructura, pese ós múltiples chamamentos por parte da Xunta, os profesionais do mar, e outros axentes de Poio.
Moldes denunciou que o bipartito de Poio segue a poñerse de perfil cando se trata de traballar por Poio, como na ubicación da depuradora. A ausencia de EDAR e o verquido de augas residuais directamente na ría ten provocado varios peches de praias e zonas de marisqueo por augas fecais, mentres o goberno local “non fai nada por mellorar a situación”.
“O mesmo pasotismo e abandono explica a perda de oportunidades para colectivos e veciños de Poio”, indicou Moldes, referíndose ó Plan Ambiental asinado por Xunta e Ence: “Nos próximos días vaise formar unha comisión para repartir nin máis nin menos que 3 millóns de euros cada ano durante os próximos 60 anos a asociacións e iniciativas dos concellos da ría, e os colectivos de Poio non estarán representados polo capricho do bipartito”.
“Non merecemos un goberno que non é capaz de traballar por Poio: non traballan polos pescadores, nin polas mariscadoras, nin polos hostaleiros... pero tampouco polas asociacións, pola xente que leva iniciativas e que se podería beneficiar de todas estas oportunidades”.
“Todo o traballo do bipartito resúmese en colocarse nas fotos cando os colectivos presentan eventos e actividades”, rematou o presidente popular: “O resto é poñerse de perfil e facer o menos posible”, indicou Moldes, que preguntou os veciños se vale a pena ter un goberno que “non dá a cara por Poio”.