Pontevedra 11, outubro, 2016.- O PP de Pontevedra reúnese coa súa infantería electoral e pon de relevo a súa unidade como unha das claves do éxito electoral acadado o 25S.
Así, este martes, os populares mantiveron un encontro con máis de 150 axentes electorais que, de xeito voluntario, estiveron colaborando coa formación nas últimas eleccións autonómicas. Durante o acto, o presidente do PP de Pontevedra, Jacobo Moreira, transmitiulles o seu agradecemento: “sodes o noso motor, a nosa forza, gracias pola vosa implicación desinteresada, por traballar duro para acadar o noso obxectivo”, trasladoulles aos asistentes ao encontro que tivo lugar no Hotel Galicia Palace, e no que tamén participou o presidente Provincial, Alfonso Rueda.
“O voso esforzo viuse recompensado a noite electoral, tras acadar a terceira maioría absoluta do noso presidente, Alberto Núñez Feijoo”, manifestou o presidente local. “17.839 pontevedreses ofrecéronnos a súa confianza o pasado 25 de setembro. O PP gañou en 105 das 106 mesas electorais que conforman o municipio de Pontevedra”, destacou.
Cando no ano 2014, Jacobo Moreira converteuse en presidente, o partido contaba con 8.563 votos, hoxe conta xa con máis de 17.830. Por este motivo o presidente local considera que “este é o camiño a seguir” e avanzou que o PP de Pontevedra continuará “traballando arreo para que continúe medrando o número de pontevedreses que confía no Partido Popular”.