Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O PP solicita a convocatoria do Consello de Participación Veciñal e esixe ao Tripartito “que deixe de desprezar aos veciños e ás asociacións de Poio”

    • Os populares trasladan as peticións dos colectivos para reactivar o órgano de participación paralizado polo Goberno de Sobral desde hai máis de dez anos e facer que se cumpra a normativa e que o Tripartito se reúna cos colectivos, os consulte e lles dea información “que agora lles oculta”.
    • Rocío Cochón explicou que, fronte a un Tripartito ao que lle sobran os veciños e o tecido asociativo, os populares trasladaron máis de 300 preguntas, rogos e iniciativas veciñais, impulsaron a retransmisión dos plenos co voto en contra de BNG e PSOE, e o PP foi o único que se reuniu coas asociacións, as escoitou e lles facilitou información.
    • Ángel Moldes destacou que ningún dos orzamentos municipais que presentou o Tripartito foi consultado aos colectivos, nin tampouco o último crédito de catro millóns de euros, nin as subidas de impostos, e indicou que “os colectivos só teñen información cando se reúnen co PP”.
    • Moldes recordou que “despois de dous anos e medio de Tripartito, do único que poden presumir é de subir os impostos -o IBI, a viñeta- e incumprir o seu programa electoral e o pacto de goberno” e subliñou que “despois de dous anos e medio de Tripartito e despois de máis de dez anos paralizado, o Consello de Participación Cidadá e os colectivos vanse volver a reunir grazas ao PP”.

     

    12 de outubro de 2021. O PP de Poio esixirá no Pleno de Outubro a convocatoria do Consello de Participación Veciñal -paralizado polo Goberno de Luciano Sobral desde hai máis de dez anos-, a aprobación da nova normativa de Participación e o cumprimento do regulamento actual -vixente en teoría desde 1996- e outras medidas destinadas a impulsar “a participación real dos veciños e as asociacións na xestión municipal”

    Será mediante unha moción que explicaron en rolda de prensa o voceiro municipal Ángel Moldes e a concelleira Rocío Cochón, e que se debaterá no pleno ordinario de outubro.

    Cochón explicou que o obxectivo da moción é que “o Tripartito deixe de desprezar aos veciños e ao tecido asociativo”, e recalcou que as medidas que se piden na moción “son as que nos trasladaron as asociacións veciñais” nunha reunión solicitada polos colectivos para expresar o seu malestar coa falta de transparencia do Goberno local.

    Cochón destacou que o compromiso do PP coa transparencia e a participación dos colectivos está máis que demostrado, xa que no último  mandato os populares presentaron máis de 300 preguntas, rogos e iniciativas dos veciños e das asociacións; impulsaron a retransmisión dos plenos municipais; presentaron escritos e recursos para obter información; e ademais “durante todo este mandato foi o PP o único que se reuniu cos colectivos e lles trasladou información” sobre os orzamentos, as subvencións e outros asuntos: “É evidente que ao BNG, ao PSOE e a Avante Poio lles sobran os veciños e os colectivos”.

    Na última reunión, celebrada nas últimas semanas a petición dos colectivos, estes explicaron que xa están fartos da forma de actuar do Goberno Local e pediron ao PP que impulse a convocatoria do “Consello de Participación Veciñal”, un órgano con representantes das asociacións e dos grupos da corporación que leva sen reunirse máis de dez anos, pese a que, segundo a normativa municipal, debería convocarse cada dous meses.

    A moción esixirá “Convocar o Consello de Participación Veciñal, que leva sen reunirse máis dunha década, axilizar a aprobación do novo Regulamento de Participación Veciñal, dándolle traslado ás asociacións para que poidan facer aportacións, e mentres non se aproba este novo Regulamento, o Tripartito terá que informar e a involucrar ás asociacións, a todas as asociacións, facéndolles chegar as actas dos plenos, das xuntas de Goberno, os proxectos de ordenanzas, plans municipais... “Como nos dixo recentemente un representante dunha asociación, non pode ser cando os colectivos piden información, o alcalde conteste que a busquen na web!”

    Cochón lamentou que Poio teña un Tripartito desconectado da xente, que se esconde dos veciños e das asociacións e que fai “a política máis ocultista da historia de Poio”, ocultando información aos colectivos e á oposición, negándose a contestar e a reunirse cos colectivos... e asegurou que o PP de Poio, como primeira forza política “seguirá sendo a voz dos veciños e dos colectivos, respondendo ás demandas e aos problemas reais dos veciños de Poio”.

    Pola súa banda, Ángel Moldes recalcou que “a moción é unha petición de auxilio dos propios colectivos”, que lle pediron ao PP unha man “para poder ter participación no día a día do Concello”.

    “Os colectivos presentan escritos, iniciativas, preguntas... e o Tripartito non lles contesta, nin lles dá información nin conta con eles”, explicou Moldes, e cando se contesta algunha pregunta “é porque o PP a leva a pleno ou a comisión”, onde o Goberno ten unha obriga legal de responder.

    Moldes recordou que cando BNG, PSOE e Avante Poio firmaron o pacto de Goberno Tripartito prometeron moitas cousas, “algunhas lévanas prometendo 26 anos, pero outras ían a ser a novidade, como transparencia ou participación... pero era todo mentira”.

    Como exemplo, Moldes destacou que ningún dos orzamentos municipais que presentou o Tripartito foi consultado aos colectivos, nin tampouco o último crédito de catro millóns de euros, nin as subidas de impostos, e indicou que “os colectivos só teñen información cando se reúnen co PP”, como sucede coas bases de subvencións culturais ou os presupostos: “En Poio temos a sorte de ter un tecido asociativo moi activo pero a desgraza de que o Tripartito non lles deixa participar”.

    Moldes destacou que coa entrada de Avante Poio no Tripartito “crearon unha concellería de Participación e prometeron que en menos de seis meses ían convocar a todos os colectivos para formar un novo Consello de Participación Veciñal... e dous anos e medio despois ten que vir o PP e as propias asociacións para esixir, mediante unha moción, a convocatoria dese Consello”.

    “Despois de dous anos e medio de Tripartito, do único que poden presumir é de subir os impostos -o IBI, a viñeta- e incumprir o seu programa electoral e o pacto de goberno”, rematou Moldes, que dixo esperar o apoio do resto dos grupos, e como mínimo, da concelleira Silvia Díaz xa que imos cumprir o que eles prometeron pero non foron capaces de facer: “Despois de dous anos e medio de Tripartito e despois de máis de dez anos paralizado, o Consello de Participación Cidadá e os colectivos vanse volver a reunir grazas ao PP”.