O PP pide á Deputación que atenda a petición do pleno de Redondela e do club deportivo Cesantes para remodelar o campo de fútbol do Viso

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP pide á Deputación que atenda a petición do pleno de Redondela e do club deportivo Cesantes para remodelar o campo de fútbol do Viso

    No pleno provincial de mañá

    • Os deputados populares propoñen que asinen un convenio no que a institución provincial aporte, como mínimo,o 80% do financiamento.
    • Solicitan que se reserve xa unha partida nos orzamentos de 2017.

     

    Redondela, 29 de setembro de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular pedirá mañá no pleno da Deputación de Pontevedra que se dea resposta á solicitude realizada polo Concello de Redondela e o club deportivo Cesantes, para remodelar o campo de fútbol do Viso.

    Recordan os populares que xa transcorreu case medio ano desde que o Concello de Redondela remitiu á institución provincial un acordo plenario, no que todos os grupos da corporación, de xeito unánime e incluídos os dous grupos do goberno provincial, apoiaron a proposta do PP local para instar á Deputación a que iniciase os trámites para elaborar o proxecto de remodelación deste campo, e que se consignara unha partida no orzamento.

    Segundo explica a voceira do grupo, Nidia Arévalo, pasou o tempo e aínda non se produciu nin un só avance ao respecto. Por iso o grupo provincial esixirá mañá unha resposta ao bipartito. Os populares confían en que, ao igual que aconteceu no pleno de Redondela, aquí tamén se apoie por unanimidade.

    Entre os acordos, os populares propoñen que a Deputación elabore un proxecto que inclúa a colocación de céspede artificial, nova iluminación para o terreo de xogo, reforma dos vestiarios, mellora das acometidas de auga e de saneamento, incluíndo o cambio da instalación de auga quente, mellora dos accesos para peóns e vehículos e, por último, dotación de mobiliario. Ademais, piden que a Deputación asine un convenio co Concello de Redondela, no que a institución provincial aporte, como mínimo, o 80% do financiamento, e que se reserve xa unha partida económica nos orzamentos de 2017.

    ALTA DEMANDA DEPORTIVA

    O campo de fútbol do Viso urxe unha reforma para que sexa totalmente operativo e poida dar resposta á alta demanda deportiva municipal. Aínda que os terreos son de titularidade da Comunidade de Montes do Viso, o certo é que esta asociación está disposta a ceder dita titularidade ao Concello de Redondela sempre que se realice a reforma do campo, e de feito xa deron mostras de colaboración.

    O deputado provincial e alcalde de Redondela, Javier Bas, explica que actualmente os de Santa Mariña son os únicos terreos municipais para xogar ao fútbol, polo que se fan insuficientes para acoller toda a actividade do Choco, cun equipo en terceira división e outro en Preferente, así como aos máis de 260 rapaces da base e aos 18 equipos inscritos neste concello entre federados e clubs de veteranos.

    Por este motivo, o Concello de Redondela acordou co anterior goberno provincial que tras reformar o complexo de Santa Mariña, se iniciaría a reforma e remodelación do campo de fútbol do Viso e satisfacer así toda a demanda. Javier Bas sinala que cambiou o goberno e desde o Concello de Redondela reiteraron a urxencia de acometer a remodelación do campo. Ademais, amosa a súa preocupación porque a falta de instalacións está repercutindo moi negativamente na parroquia e, concretamente, no club deportivo Cesantes, coa perda de equipos de categorías base e, nalgúns casos, incluso coa obriga de ter que desprazarse a outros concellos para buscar terreos alternativos.