Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O PP reclama a PSOE e BNG que abandonen a propaganda e o oportunismo e aposten por unha institución útil para os pontevedrese 

    • Cubela di que o Goberno provincial organizou un amplo dispositivo para facer “un balance sen balance. Un gran acto de propaganda, cun gran envoltorio e moi pouco contido”.
    • Lamenta que a institución non estivese á altura das circunstancias nun ano marcado pola pandemia, “no que estivo totalmente desaparecida e sen respostas para a reactivación da provincia”.
    • “Usan a Deputación como sede política para confrontar co Goberno galego a diario e facer seguidismo a Pedro Sánchez, a quen estiveron a punto de regalarlle os remanentes dos concellos ou a devolución do IVE que o Goberno central lles debía”, engade.

     

    14, xullo, 2021. O grupo provincial do Partido Popular reclamou hoxe a PSOE e BNG que abandonen a propaganda e o oportunismo político e aposten por converter a Deputación de Pontevedra nunha institución útil para os pontevedreses, para os concellos, os colectivos e os sectores estratéxicos. Foi durante a rolda de prensa que o voceiro Jorge Cubela ofreceu esta mañá, xunto á deputada Pepa Pardo, para facer balance do Goberno provincial cando se cumpren dous anos de mandato.

    “Precisamos unha presidenta que goberne, que resolva, que teña un proxecto serio e real. Os pequenos e medianos concellos da provincia continúan perdendo peso e importancia, a pesar de que son a razón de ser das deputacións. Queremos que recupere a súa esencia e que sexa unha institución útil e se deixe de confrontacións políticas”. Unha falta de diálogo que segundo os populares non só se produce cos concellos, “tamén se dá cos colectivos, veciños, entidades... as portas continúan pechadas para eles, que acoden ao PP para que fagan de altavoz das súas reclamacións”.

    Cubela tamén se referiu ao “amplo dispositivo” que o Goberno montou diante do Pazo provincial, “cun gran decorado, montaxe, vídeo promocional... para facer o que mellor sabe facer este Goberno, un balance sen balance. Un gran acto de propaganda, cun gran envoltorio e moi pouco contido”. Cubela lamentou que a Deputación de Pontevedra “continúa ao servizo exclusivo da imaxe da presidenta”. Así, sinalou que “fronte a un BNG con menos peso no Goberno, todo recae na propaganda e nos actos promocionais de Carmela Silva”.

    Para os populares este inicio de mandato estivo marcado pola pandemia sanitaria, que evidenciou as carencias dun Goberno “que estivo totalmente desaparecido na xestión, converténdose nun mero espectador desde o patio de butacas, e que non está tampouco á altura para reactivar a provincia”. Incidiu en que “a Deputación é incapaz de liderar a recuperación económica. Da moitos titulares pero nin unha soa iniciativa práctica e real para conseguilos”.

    Como exemplos, citou a falta de xestión no Príncipe Felipe ou que o maior orzamento da Deputación dos últimos anos sexa “un orzamento de trámite, sen propostas novas ou medidas extraordinarias para responder aos novos retos e necesidades dos pontevedreses”. Neste senso, recordou que despois de que o PP insistise e deixase en evidencia que o Goberno provincial non aprobaba axudas para autónomos e hostaleiros “porque non quería”, aprobaron “unha axuda pola mínima de 1,6 millóns de euros para a provincia, moi inferior aos 20 millóns que aprobaron outras deputacións, e que seguen sen repartirse”.

    Cubela lamentou que “tampouco sabemos cal é o posicionamento da Deputación coa industria desta provincia”, e recriminou que “ante a maior ameaza ao sector mar-industria e aos postos de traballo desta provincia por parte do Goberno central, votasen en contra de garantir a continuidade do emprego”. Un seguidismo ao Goberno central que se contrapón, sinalou o deputado, coa confrontación política permanente de Carmela Silva co Goberno galego. “Usan a Deputación como sede política para confrontar co Goberno galego a diario, a través das roldas de prensa, dos plenos, das visitas a concellos, das redes sociais, e para facer seguidismo a Pedro Sánchez, a quen estiveron a punto de regalarlle os remanentes dos concellos ou a devolución do IVE que o Goberno central lles debía”.

    Por último, volveu a poñer ao PP “a disposición para colaborar co Goberno en medidas construtivas e responsables”, pero esixiu a PSOE e BNG “que se deixen de envoltorios e propaganda e comecen a xestionar”.