Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • O PP traslada á Deputación de Pontevedra a urxencia de mellorar a conectividade no rural da provincia

    • Ademais, reclamaron que o pleno se pronunciase en contra dos indultos que o Goberno concedeu aos presos do procés, “unha situación grave pero que non mereceu ningún comentario para PSOE nin BNG”.

     

    25, xuño, 2021. O grupo provincial do Partido Popular trasladou hoxe á Deputación de Pontevedra a necesidade e urxencia de mellorar a conectividade en todos os concellos da provincia, con especial atención ás zonas rurais nas que non só a conexión a internet é moi pobre, senón que nalgún caso incluso a conectividade móbil é inexistente.

    Foi no pleno provincial que se celebrou hoxe, no que o deputado Miguel Domínguez defendeu unha moción para reclamar ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital que priorice o despregamento da banda larga nas poboacións menos poboadas, e que dote tamén de cobertura en áreas que non dispoñen nin tan sequera de servizos básicos de telefonía móbil, áreas de maior risco de fenda dixital. “Hai unha clara desigualdade de oportunidades que condena ás persoas que elixen residir no rural pero tamén ás empresas que se instalan neses concellos, pero que parece que a este Goberno non lle interesa defendelos”, apuntou, en alusión ao voto en contra de PSOE e BNG, “a quen lles recomendou baixar máis ao territorio en lugar de defender sen fisuras ao Goberno central”.

    Domínguez explicou que “hoxe en día o dispoñer dunha boa conectividade a internet é practicamente un dereito do que calquera persoa quere gozar, pero a realidade demostra que aínda hai unha brecha dixital moi importante entre os habitantes do medio rural e do urbano”.  Nesta liña, sinalou que a necesidade de estar conectados aumentou durante a pandemia, xa que os fogares se converteron en oficinas e escolas, co impulso do teletraballo e das clases online. “Pero a baixa conectividade converteuse nun gran obstáculo para os fogares no rural, que se atoparon cunha evidente desigualdade de oportunidades con respecto aos fogares urbanos”. Fogares nos que seguir unha clase online ou manter unha reunión de traballo telemática sen interrupcións é practicamente imposible, celebrar plenos telemáticos, así como abrir unha páxina web sen a necesidade de esperar un tempo prolongado a que cargue. Como exemplos, sinalou A Cañiza, Rodeiro, Covelo, A Lama, Forcarei, Fornelos, e todos os concellos rurais, pero tamén se referiu a parroquias de Pontevedra que non dispoñen dunha conexión de calidade.

    INDULTOS AOS PRESOS DO PROCÉS

    Outra das mocións que defenderon os populares no pleno reclamaba que a corporación provincial se pronunciase en contra dos indultos que o Goberno concedeu aos presos do procés, “unha situación moi grave, que vai contra a constitución, a separación de poderes e o Estado de Dereito, que preocupa á cidadanía pero que nin ao PSOE nin ao BNG lles mereceu ningún comentario”, criticou o deputado Alfonso Marnotes.

    O popular recordou que “non se trata de ideas políticas. Houbo delito, e hai unha sentencia por incumprir a lei. E por iso, a maior parte desta provincia, independentemente da súa ideoloxía política, está en contra deses indultos”.

    Un posicionamento, indicou o deputado, que o PP non mudou. “Ao principio, e durante a campaña electoral, PP e PSOE estabamos de acordo en que os indultos non tiñan cabida. Pero chegaron os acordos de Goberno, e iso foi o detonante para que o PSOE cambiase a súa postura para permanecer no poder”.