Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • Pontevedra é a provincia que máis compromisarios aporta ao congreso do PP de Galicia, con case un tercio do total

    • O comité aprobou a distribución dos 268 compromisarios entre todos os concellos da provincia.
    • Rueda destaca a celebración do congreso na cidade, “xa que xunto á Praza de Touros son símbolo das catro maiorías absolutas de Feijóo”.

     

    09, xuño, 21.- O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, presidiu onte pola noite o comité executivo provincial, que aprobou o reparto dos compromisarios que van representar á provincia no XVII Congreso do PPdeG que se celebra na cidade o 16 e 17 de xullo. Rueda incidiu en que Pontevedra volve a ser, das catro provincias, a que máis compromisarios terá no congreso. Explicou que o reparto fíxase segundo os criterios de afiliación e a porcentaxe de votos obtidos nas pasadas eleccións autonómicas, polo que case a terceira parte son desta provincia.

    Así, entre as 61 xuntas locais elixiranse 268 compromisarios, aos que hai que engadir 8 representantes de NNXX. A maiores, tamén formarán parte desta delegación as 55 persoas da provincia que forman parte da xunta directiva autonómica na súa condición de compromisarios natos, condición que tamén comparten as dúas integrantes do COC, a presidenta e concelleira de Pontevedra, Pepa Pardo, e a concelleira de Lalín, Begoña Blanco. Así, entre natos e electos, Pontevedra estará representada por 333 compromisarios.

    Rueda tamén celebrou que o congreso se celebre na provincia, e que por primeira vez sexa na cidade de Pontevedra, “un símbolo para o Partido Popular xa que na praza de touros se xestaron as catro maiorías absolutas de Galicia, e supón unha oportunidade e orgullo para esta cidade”. Por iso, destacou a importancia deste congreso, e confía en que “esa selección de mulleres e homes que vaian como compromisarios o fagan coa responsabilidade e compromiso de seguir traballando para conseguir que o Partido Popular se pareza cada vez máis a Galicia e aos galegos”, defendeu.

    Ademais, enxalzou a elección da pontevedresa Pepa Pardo como presidenta do COC, unha grande profesional que tamén ten demostrado a súa valía como concelleira e deputada tanto no Concello de Pontevedra como na Deputación provincial.

    A distribución dos 268 compromisarios electos fíxose por municipios, e serán os encargados de representar aos preto de 30.000 afiliados desta provincia. Neste reparto, que tamén atende aos criterios de afiliación e porcentaxe de voto nas eleccións, garántese que todos os concellos da provincia estean representados. Vigo e Pontevedra terán o maior número de compromisarios, con 35 e 16 respectivamente, seguidos por Lalín, con 11 e Vilagarcía, 10.