Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • O Partido Popular lamenta o rexeitamento de PSOE e BNG a buscar alternativas para o Museo de Pontevedra

     

    • Cubela acusa ao Goberno de usar a Deputación para confrontar permanentemente coa Xunta, “dentro da súa estratexia para intentar liderar o socialismo galego, un barco á deriva”.

     

    30, abril, 2021.-  O grupo provincial do Partido Popular lamenta que hoxe o PSOE e o BNG pechasen a porta a buscar novas alternativas menos faraónicas e menos agresivas coa contorna que a que plantexan para os edificios centrais do Museo de Pontevedra. “Hai moitas opcións á vista. Está Santa Clara, o edificio de Facenda... pero vostedes prefiren continuar cun proxecto que non quere ninguén, e que conta co rexeitamento expreso e público da cidadanía, dos arquitectos, técnicos e comerciantes”, sinalou a deputada Pepa Pardo durante o pleno provincial que se celebrou hoxe na Deputación de Pontevedra e no que o PP intentou conseguir o consenso de todos os grupos para explorar outras opcións para dar unha solución aos tres edificios que constitúen o corazón do Museo de Pontevedra.

    “Un proxecto alternativo, respectuoso, menos custoso e que poña en valor o Museo de Pontevedra é totalmente posible”, defendeu Pardo, que recordou que “non sabemos como vai afectar a súa proposta ao casco histórico da cidade. Hai alternativas que non son agresivas coa contorna, pero que ademais son menos custosas, viables e adaptadas á situación económica actual, pero vostedes continúan enrocados na peor de todas”.

    Xunto a esta moción, o PP tamén reclamou hoxe a mellora das estradas provinciais polas que transita o Camiño con motivo do Xacobeo 2021, e que eliminase os puntos negros na EP-0002, entre Tomeza e O Marco na cidade de Pontevedra. “Dálles igual que sexa unha reclamación dos veciños e que sexa importante para garantir a seguridade, vostedes votan por sistema que non a todas as propostas que fai o PP”, recriminou Pardo durante a súa intervención, e recordou que “xa é casualidade, que sempre que o PP trae iniciativas se xustifique con que xa están en marcha”.

    CONFRONTACIÓN PERMANENTE COA XUNTA

    Durante o pleno, o voceiro do grupo Jorge Cubela lamentou “a confrontación permanente” do Goberno provincial coa Xunta de Galicia. “Traen panfletos doutrinarios a este pleno, e dentro da súa estratexia para intentar liderar o PSOE galego, un barco á deriva, queren usar a súa corte na Deputación para confrontar coa Xunta de Galicia”, criticou.

    Para Cubela resulta incomprensible que acusen ao Goberno galego de confundir as institucións co partido, “cando Carmela Silva usa roldas de prensa para atacar por sistema a Feijóo; presentan no pleno provincial mocións constantes contra a Xunta; usan as redes sociais e a web institucionais con fins políticos; contratan asesores de partidos independentes para comprar alcaldías como a do Porriño; e instauran unha rede de comisarios políticos por riba dos xefes de servizo para controlar toda a actividade dos funcionarios”.

    O popular tamén acusou aos socialistas de presentar unha “lista de investimentos totalmente intencionada e manipulada” na que se esqueceron de incluír todos e cada un dos investimentos que a Xunta fixo en Vigo, e que a converten como a administración que máis inviste nesa cidade “moi a pesar de Caballero tío e sobriño”; o Gran Montecelo e os centros de saúde en Salceda, o previsto en Moaña ou a ampliación do Porriño; os 70 millóns no saneamento da ría de Arousa, 33 para a EDAR e o saneamento de Vilagarcía; a mellora da depuradora de Praceres e o emisario submarino de Pontevedra e outras actuacións na ría de Pontevedra que ascenden a 47 millóns; obradoiros de emprego en Vilagarcía, Caldas, Mondariz, Cambados, Ponteareas…; restauración da basílica de Santa María de Pontevedra: 3 millóns para o IES Valle Inclán, en Pontevedra; ampliación do CIFP Carlos Oroza; CPI O Toural de Vilabou, o Randulfe e o San Paio de Tui;  o IES da Sangriña na Guarda e o CEIP e o IES da Cañiza con 1,3 millóns; a escola infantil e porto na Guarda; a estación intermodal de Pontevedra, a ampliación da estación de Cangas, e mellora da de Ponteareas; sendas peonís en Poio, Alba en Pontevedra, no Concello de Bueu, estrada entre Tui e Tomiño, entre outros investimentos.

    Ademais, Cubela recordou que Galicia xa conta cun plan para os concellos, “foi pioneira en fixar un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos a través do Fondo de Cooperación Local, un fondo incondicionado, que os concellos podemos usar para todo o que consideremos oportuno e sen necesidade de xustificalo”.

    Por último, recordou que este goberno, que repartiu 7 de cada 10 euros dos plans de investimentos que sacou nos últimos anos para concellos gobernados por PSOE e BNG, “é o que máis fala cando ten moito que calar. Falsea sobre os datos da Xunta pero cala e blanquea as débedas que teñen outras administracións coa nosa provincia”.