Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Grupos municipais do PP do norte da provincia definen a súa estratexia con unidade de acción na tramitación dos proxectos eólicos para defender os intereses dos veciños

    • Os presidentes das agrupacións locais e alcaldes José López, Jorge Cubela e Carlos Costa, a voceira Belén Cachafeiro, o deputado nacional Juan Constenla e o coordinador do Deza e delegado territorial da Xunta, Luis López, unifican posturas nunha reunión na Estrada.
    • Valoran que a Xunta vaia presentar alegacións contra os parques de maior tamaño e afección e anuncian a súa oposición contra todos aqueles parques que prexudiquen os intereses económicos, sociais e ambientais da cidadanía
    • “A nosa postura dista do 'non polo non', pero non pode ser que a aposta polas renovables sexa a costa do sector agrogandeiro e de causar danos irreparables nos nosos territorios”, manifestan.

     

    30, abril, 21.- Os grupos municipais do PP no norte da provincia de Pontevedra, moitos deles con responsabilidade nos gobernos locais dos seus municipios, veñen de manter un encontro na Estrada para definir a súa estratexia fronte á tramitación masiva de proxectos de parques eólicos e acordaron actuar con “absoluta unidade de acción” para “defender ata o límite” os intereses dos veciños e preservar os seus respectivos territorios.

    A xuntanza contou coa presenza dos presidentes das agrupacións locais e alcaldes da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, José López, Jorge Cubela e Carlos Costa; a voceira municipal de Forcarei, Belén Cachafeiro; o deputado nacional Juan Constenla; e o coordinador comarcal do partido no Deza e delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que representou ás agrupacións desa bisbarra.

    Os representantes populares unificaron as súas posturas, que son coincidentes, e decidiron actuar de xeito coordinado, xa que sosteñen que unha actuación conxunta ten moito máis peso á hora de conseguir o rexeitamento daqueles proxectos que se consideren prexudiciais para os territorios e os veciños.

    “Imos presentar alegacións manifestando a nosa oposición contra todos aqueles parques eólicos que prexudiquen os intereses económicos e sociais dos cidadáns do norte da provincia e aqueles que causen danos irreversibles e importantes nos potentes valores medioambientais, naturais e paisaxísticos da nosa contorna”, explicaron dende o PP.

    Así mesmo, valoraron moi positivamente a intención da Xunta de Galicia de presentar alegacións contra os proxectos de parques eólicos de maior tamaño e afección sobre o territorio, como se plasmou co recurso que presentou o Goberno galego fronte a estas iniciativas enerxéticas en Val do Folgos e Monte dos Porcallos, na bisbarra do Deza.

    “A nosa postura, como partido serio, rigoroso e responsable e representativo da maioría social do norte da provincia, dista moito do 'non polo non', pero non pode ser que a aposta enerxética polas renovables sexa a costa de danar gravemente ao noso sector agrogandeiro, á xeración económica do noso rural, á vida social das parroquias ou a causar danos irreparables nos nosos territorios e que deixen de ser propios do noso xeito de vivir”, manifestaron.

    Finalmente, os representantes do PP acordaron manter un contacto periódico sobre a evolución dos procesos de información pública dos proxectos dos parques eólicos na zona, a intercambiar a información dispoñible e a celebrar reunións informativas cando sexa necesario para tomar medidas orientadas a defender os intereses xerais dos veciños.