Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Cubela: “Deixen de lado os intereses partidistas e defendan á provincia e o emprego”

     

    • PSOE e BNG votaron en contra de defender os milleiros de postos de traballo que están en risco coa Lei de Cambio Climático e reclamar ao Goberno a supresión do artigo 18.
    • “Si esta lei se consuma, vai ter consecuencias terribles para a provincia. Perderanse postos de traballo en sectores estratéxicos”.
    • “Hoxe queda claro quen está preocupado pola provincia e quen non, porque mentres na Deputación se debate o futuro de miles de familias, Carmela Silva prefire facerse unha foto en Vigo visitando unhas obras”, critica.

     

    26, marzo, 2021.- O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, lamentou hoxe que PSOE e BNG votasen en contra de defender os milleiros de postos de traballo que están en risco coa Lei de Cambio Climático que quere aprobar o Goberno central e reclamar a supresión do artigo 18.  “Acordos moi claros que non deberían atopar oposición de quen debe velar polos intereses da nosa provincia”, expuxo.

    Foi durante o pleno ordinario da Deputación de Pontevedra, no que tamén tomou posesión o novo deputado do grupo popular, Ignacio Maril, en substitución de Luis López. Cubela lamentou que “no peor momento, en medio dunha crise sanitaria, económica e social, o PSOE quere aprobar en Madrid unha Lei que pon en perigo a industria galega e milleiros de postos de traballo. Non está a situación económica para esta broma. Debemos esforzarnos por atraer empresas e emprego, non en destruílo”.

    Por iso, pediu aos deputados socialistas e nacionalistas que “deixen de lado os intereses partidistas e defendan de verdade á provincia e o emprego”. Nesta liña, incidiu en que “si esta lei se consuma, vai ter unha consecuencias  terribles para a provincia. Perderanse postos de traballo en sectores estratéxicos”. E explicou que esta Lei non só afecta a Ence e, polo tanto, ás 250 autónomos que traballan coa factoría, senón que tamén pon en risco a continuidade de outras moitas instalacións que están no terreo de costas, incluídas as empresas do sector mar-industria, como conserveiras, depuradoras, cocedeiros, piscifactorías...

    “Hoxe quedou claro quen está preocupado pola provincia e quen non, porque mentres na Deputación se está debatendo nun pleno ordinario o futuro de miles de familias, a presidenta Carmela Silva prefire facerse unha foto en Vigo visitando unhas obras”, criticou o deputado popular.

    Por iso, reclamou que “escoiten ao sector. Hai sectores galegos que están pedindo a través dos medios clemencia ao PSOE galego porque nin responde ás chamadas nin responde ás súas peticións. E escoiten a moitos dos seus compañeiros que están reclamando nos concellos que se suprima este artigo”. Cubela entende que “Teruel Existe, Mas Madrid ou Bildu, non poden decidir sobre a nosa costa”.

    SERVIZO AXUDA NO FOGAR

    Por outra banda, o grupo provincial do PP presentou unha emenda de adición á moción que presentaron PSOE e BNG para reclamar máis fondos á Xunta para financiar o servizo de axuda ao fogar dos concellos, e que consistía en engadir un novo acordo para instar ao Goberno central a que cumpra co que establece a Lei de dependencia e financie o 50% dos fondos de atención á dependencia en Galicia, xa que actualmente tan só asume o 24% do gasto.

    Cubela recordou que a pesar de que o SAF é un servizo de titularidade municipal, a Xunta asume en gran medida o seu financiamento, cubrindo a maior parte do seu custo. Por iso, “queríamos pedir á outra pata da cadeira, ao Goberno central, que aporte o que lle toca, pero prefiren facer loita política contra Feijóo que chegar a un consenso e en defender aos concellos desta provincia”.

    Nesta liña, criticou que prefiren poñer o foco e a crítica na única administración que si está apoiando aos concellos e aos usuarios no financiamento do SAF, “pero rexeitan reclamar ao Goberno central que cumpra coa súa parte”.