Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Cubela: “PSOE e BNG terán que responsabilizarse das nefastas consecuencias  económicas e sociais que traerá para a comarca de Pontevedra o peche de Ence”

    • Os populares avanzan que seguirán insistindo e traballando ata o final para intentar que recapaciten e corrixan esta situación.
    • Presentarán unha moción na Deputación de Pontevedra, reclamando o apoio unánime de toda a corporación á modificación da Lei de Cambio Climático para defender os milleiros de postos de traballo que están en xogo.

     

    Poio, 12 de marzo de 2021. Os voceiros do PP de Poio e Pontevedra, Ángel Moldes e Rafa Domínguez; o voceiro do grupo provincial do PP, Jorge Cubela, e o deputado nacional e voceiro de Cambio Climático do GPP no Congreso, Diego Gago, acompañados doutros cargos locais, provinciais e nacionais do PP, valoraron hoxe as terribles consecuencias que suporá para a comarca de Pontevedra o peche de Ence e o efecto dominó que xerará con outras empresas e servizos.

    "Ence non se vai. A Ence bótana", insistiu Cubela. "Cando deberíamos esforzarnos en traer empresas e emprego, e non en destruílos, PSOE e BNG votan en Madrid a favor da Lei de Cambio Climático e poñen en risco milleiros de empregos directos e indirectos, non só da factoría Ence, senón de todas as empresas auxiliares que dependen dela e tamén do sector mar-industria". O voceiro dos populares recordou que basta con modificar un artigo desta Lei para que 5.000 familias, moitas delas desta comarca, non queden sen emprego, xa que, "non falamos de Ence, falamos de 5.000 familias, con nomes apelidos".

    O popular alertou de que o custe para clubs e asociacións de Pontevedra, Poio e Marín, que recibían da pasteira axudas directas, ascende a 180 millóns de euros.  "Van poñer eses cartos PSOE e BNG?", pregunta Cubela. "Vanse responsabilizar das nefastas consecuencias económicas e sociais que traerá para a comarca a súa decisión?".

    O voceiro rematou anunciando que dende o PP seguirán traballando ata o final para intentar que recapaciten en corrixan esta situación. "Estamos a tempo", sinalou, "Insistiremos na necesidade de defender estes postos de traballo tamén na Deputación de Pontevedra, onde presentaremos unha moción para reclamar o apoio unánime de toda a corporación. PSOE e BNG terán que elexir entre posicionarse en defensa da provincia ou ao lado do seu partido".

    No mesmo sentido se manifestou o voceiro dos populares de Poio, Ángel Moldes, quen destacou as enormes consecuencias que tería para o municipio o feito de que se aprobara esta lei. "O que nos preocupan son os traballadores, o traballo dos nosos veciños", sinalou, "En Poio moitas familias viven do seu traballo na empresa ou nas auxiliares que traballan para ela, así como de moitas empresas conserveiras que tamén se verían afectadas por esta Lei". Por iso piden ao Goberno central "que reflexione, que lles faga caso aos traballadores que son os que saben de primeira man o moito que isto pode perxudicar ás economías das súas familias".

    Pola súa banda, o presidente dos populares de Pontevedra, Rafa Domínguez, quixo reiterar o seu "compromiso con todas esas familias que se van ver afectadas pola decisión inxusta dun alcalde e duns partidos que están a demostrar unha falta total de sensibilidade ao que supón o traballo para unha familia". Domínguez quixo responder tamén ás acusacións verquidas onte polo alcalde de Pontevedra lembrándolle que, diga o que diga, "o PP sempre estará cos traballadores" e "condenaremos todos os actos violentos, cousa que o BNG non fai. Só se opoñen candos os actos son contra eles".

    O deputado nacional e voceiro de Cambio Climático do GPP no Congreso, Diego Gago, aproveitou a comparecencia para chamar a recapacitar ao PSdeG e ao BNG. "Presentaremos unha nova enmenda transaccional para frear este ataque á nosa industria. O PSdeG ten unha nova oportunidade para demostrar se ten algún tipo de capacidade e influencia para poñer fin a esta situación, e o BNG, que ata o de agora foi incapaz de convencer ao su grupo parlamentario, debe demostrar agora que quere facelo".

    "É a última oportunidade para tumbar esto, para que demostre se ten algún tipo de capacidade e influencia para poñer fin a este ataque masivo a milleiros de postos de traballo na costa de Pontevedra, Galicia e España", concluíu Gago.