Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Luciano Sobral incumpriu as normas covid diariamente durante tres semanas reuníndose cun grupo de persoas no trasteiro dun local comercial e “cando o descubriron, mentiulle aos veciños”

    • Ángel Moldes fai públicos os documentos que demostran que “nas peores semanas da pandemia en Poio, con máis de 400 positivos, cribados masivos e o maior nivel de restricións”, o alcalde mantivo reunións ilegais todos os días, de 9:30 a 10.30h cun grupo de amigos no trasteiro dun local comercial na zona da Seca.
    • Estas reunións ilegais tamén tiveron lugar durante o cribado masivo do Sergas, algo moi triste: “Mentres miles de veciños recollían e entregaban as mostras para facer a PCR, “a poucos metros o máximo representante de Poio acudía puntualmente á cita cos seus colegas”.
    • Este comportamento é, como mínimo un insulto aos centos de veciños contaxiados, que perderon a un ser querido, aos hostaleiros familias que sofren as restricións, ou á propia policía local, da que o alcalde é máximo responsable: “Mentres firmaba bandos coas restricións e denuncias contra os que as incumpren, el mesmo se reunía ilegalmente, todos os días, cos seus colegas”.
    • Moldes destaca que cando deron a oportunidade a Sobral de explicarse “o que fixo foi mentir” e chama ao alcalde a reflexionar sobre o seu futuro: “Se chego a ser eu o alcalde, e estar o BNG na oposición, esta rolda de prensa sería para presentar a miña dimisión”.

     

    16 de febreiro de 2021. O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, fixo públicas este martes, en rolda de prensa, fotografías que demostran como o alcalde de Poio, Luciano Sobral, incumpriu as normas covid diariamente durante as últimas tres semanas, mantendo reunións cun grupo de máis de 6 persoas no trasteiro dun local comercial situado na Seca.

    Moldes desvelou unha decena de fotografías, tomadas en diferentes días deste mes, onde o alcalde se dirixe a esas reunións diarias: “Todos os días chegaban primeiro os acompañantes a partir das 9:30 e despois o alcalde, e a partir das 10.30 o primeiro en saír era o alcalde e despois ían saíndo os seus acompañantes”, explicou Moldes, que tamén detallou como, mentres a maioría dos amigos do alcalde aparcaban os seus vehículos na PO-308, Sobral sempre aparcaba no mesmo lugar e accedía pola porta traseira do establecemento.

    O popular explicou que hai 3 semanas, cando xa estaban vixentes as máximas restricións, “varios veciños nos chamaron alertando da situación, aínda que pensamos que podía ser algo puntual”, pero conforme pasaron os días, recibiron información e finalmente, “para a nosa sorpresa, puidemos confirmar que se estaban a producir estas reunións”, nas peores semanas da pandemia en Poio, con máis de 400 positivos e unha das maiores incidencias de Galicia.

    Moldes concretou o que, para o PP foi o día máis triste, durante o cribado masivo que levou a cabo o Sergas na zona da Seca: “Mentres miles de veciños recollían e entregaban as mostras para facer a PCR, “a poucos metros o máximo representante de Poio acudía puntualmente á cita cos seus colegas”.

    Para Moldes, este comportamento “é unha falta de respecto” aos centos de persoas que sufriron a enfermidade no noso concello, aos que perderon a un ser querido, ás Forzas e Corpos de Seguridade ou á policía local, da que o alcalde é máximo responsable”. Neste sentido, lamentou a incoherencia de Sobral “que mentres firmaba bandos e chamaba aos veciños a cumprir as restricións, mentres firmaba denuncias contra os que as incumpren, el mesmo se reunía, todos os días, cos seus colegas, eles saberán para que”.

    O popular destacou que “se non désemos este paso e fixéramos a denuncia pública seríamos cómplices”, así que o domingo, mentres recopilaban toda a documentación, deron a Sobral a oportunidade de explicar o sucedido, preguntando se eran certas esas informacións “e o que fixo o alcalde foi mentir”.

    “O alcalde de Poio incumpriu as normas covid durante semanas cando o noso concello tiña os peores datos de toda Galicia e cando tivo oportunidade de dar unha explicación ou mesmo pedir desculpas, elixiu a mentira”, lamentou. Sobral chegou a dicir que puido haber “un par de reunións puntuais”, pero as probas demostran que “desde a primeira semana que temos coñecemento por testemuñas, e a partir da segunda semana con fotografías, estas reunións foron constantes, de luns a venres, de 9.30 a 10.30h”.

    Moldes lamentou tamén o insulto que este comportamento de Sobral supón para a hostalería de Poio, “cando os seus propietarios teñen os negocios pechados por responsabilidade e o propio alcalde toma o café todos os días cos seus amigos, nun trasteiro”. O voceiro popular recordou que en Poio “se impuxeron sancións con moita repercusión nos medios, a establecementos de hostalería, a autónomos, a particulares, por non respetar as normas covid... e resulta que a persoa que é a que firma esas sancións, era a primeira en incumprilas de forma diaria”. Para Moldes, ademais, este comportamento de Sobral supón unha falta de respecto absoluta aos seus axentes de policía local, que son os que teñen que facer cumprir as normas todos os días: “Como van dirixirse agora eses axentes a unha persoa que estea incumprindo as normas, se o propio alcalde as estaban rompendo todos os días?”.

    O popular ofreceu toda a colaboración á Policía Local por se queren investigar este incumprimento, e puxo a disposición as fotografías e o material gráfico que poida haber se desexan tomar algunha medida fronte a este incumprimento do que é o seu máximo responsable, pese á dificultade de sancionar de forma eficaz estes incumprimentos dentro dunha propiedade privada. En relación aos acompañantes de Sobral, Moldes destacou que non ten ningún interese en desacreditar a esas persoas “do grupo de amizades do alcalde”, xa que pese a que algunhas estiveron relacionadas co urbanismo de Poio, mesmo con responsabilidades políticas, actualmente son cidadáns privados, pero “a nós o que nos preocupa é que o máximo dirixente do noso concello, a persoa responsable de facer cumprir as normas, se dedicase a incumprilas todos os días”.

    Moldes destacou que desde o 27 de xaneiro as reunións sociais, públicas e privadas de non conviventes están prohibidas en toda Galicia, e o propio alcalde é o encargado de vixiar o seu cumprimento  “Temos un alcalde que incumpre as normas covid que el mismo ten que vixiar, que incumpre as restricións polas que el mesmo sanciona a veciños, e cando o collen, minte”.

    Moldes explicou que “seguramente, se chego a ser eu o alcalde e o BNG estar na oposición, esta rolda de prensa non sería para dar explicacións, senón para presentar a miña dimisión”, e chamou a Sobral a reflexionar sobre os seus próximos pasos: “Non é o meu estilo pedir a dimisión de ninguén nin dicirlle á xente o que ten que facer, pero líderes do BNG pediron responsabilidades e chamaban á dimisión de persoas que se descoidaron uns segundos co uso da máscara... reunirse todos os días durante tres semanas, incumprindo as normas covid, no trasteiro dun local cun grupo de amigos, que tipo de resposta merece?”