Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • “Exito rotundo” da manifestación con vehículos contra a subida de impostos dos Tres Alcaldes

    • Ángel Moldes subliña que a participación masiva e a gran acollida ao longo do percorrido demostra a oposición frontal da veciñanza á “subida de impostos xeralizada que pretende impoñer o Tripartito no peor momento”, e pide aos os Tres Alcaldes “que recapaciten e atendan o que demandan os veciños".
    • Agradece o comportamento exemplar dos centos de veciños que participaron na protesta, e dá as grazas a Guarda Civil e Policía Local polo seu traballo, que permitiu que a manifestación se desenvolvese de forma segura.

    10 de xaneiro de 2021. O portavoz do PP de Poio, Ángel Moldes, agradeceu á veciñanza o “éxito rotundo” da manifestación con vehículos celebrada este domingo contra a subida de impostos dos Tres Alcaldes. Para Moldes, a convocatoria “superou todas as expectativas”, coa participación de máis de 200 coches, que, en varios puntos do percorrido, chegaron a formar unha caravana de máis de 4 kilómetros.

    En declaracións realizadas na Seca, ao remate da manifestación, Moldes ilustrou o gran éxito de convocatoria con exemplos como que, pouco despois de comezar, “cando a cola da manifestación aínda estaba á altura da Praza da Granxa, en Campelo, a cabeza xa estaba na rotonda da Barca”, ou que “cando a cabeza da manifestación estaban polo Covelo, en Samieira, aínda había coches na Pinela, na parroquia de San Xoán”.

    “En resumo”, subliñou Moldes, “un apoio masivo”, que “superou todas as expectativas” e que demostra a oposición frontal da veciñanza á “subida de impostos xeralizada que pretende impoñer o Tripartito no peor momento”, e en medio da peor crise económica e social que se recorda.

    “Queda claro que os veciños de Poio están fartos de levar anos pagando algúns dos impostos máis caros de Galicia por peores servizos”, e agora, ter que soportar unha subida de impostos como o aumento do 10% na “viñeta” de coches e furgonetas ou o incremento do IBI a segundas vivendas e outros inmobles.

    “Os veciños de Poio pagan a taxa de vaos máis alta da provincia ou a recollida de lixo máis cara de Galicia”, destacou Moldes, “e as familias de Poio son das máis prexudicadas pola inxustiza das plusvalías, xa que os Tres alcaldes lles fan “pagar outra vez polo que xa pagaron os seus antepasados”. Ademais, non escoitan nin sequera aos afectados, como demostran unhas supostas bonificacións para familias numerosas que non van á chegar aos afectados e “que van en contra do que pediron expresamente as propias familias numerosas”.

    Para o portavoz popular, os veciños non poden entender que “no peor momento, cando máis apoio precisan traballadores, autónomos, pemes e familias por culpa da crise da Covid”, o Tripartito decida subirlles os impostos: “Van na dirección contraria ao que piden os veciños, e deben reflexionar”.

    “Hai que pagar impostos, si, pero uns impostos xustos, acordes aos servizos que se prestan e axustándose ás circunstancias e ao resto de Concellos”, destacou Moldes: “A xente está cansa de ver que pagan máis por peores servizos” e que, aínda por riba, cada pouco tempo, “súbenlles os impostos”.

    Moldes recordou que o PP está a loitar contra os abusos do Tripartito “con todos os recursos que temos na nosa man: No pleno votamos en contra, impugnamos os acordos porque entendemos que van contra a lei, ao faltarlles informes preceptivos, e ademais, en canto sexa firme o acordo da subida do IBI imos denuncialo no xulgado contencioso administrativo: “Imos seguir loitando para que os Tres Alcaldes recapaciten e atendan ao que demandan os veciños”.

    Finalmente, Moldes destacou o comportamento exemplar dos centos de veciños que participaron na protesta, mantendo as necesarias precaucións sanitarias e de seguridade pola situación de pandemia, e deu as grazas a Guarda Civil e Policía Local polo seu traballo, que permitiu que a manifestación se desenvolvese de forma segura.