Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Cubela: “Estes orzamentos non están á altura dunha Deputación que manexa 164 millóns €”

     

    • O voceiro popular di que non recolle ningunha resposta extraordinaria para os grandes retos e necesidades que a pandemia sanitaria, social e económica plantexa para a provincia.
    • Pepa Pardo sinala que “deben de sentirse tremendamente avergonzados” porque no debate da moción para reclamar máis investimentos para a provincia nos orzamentos xerais do Estado “non fixeron unha soa referencia ás contas de Pedro Sánchez”.

     

    8, xaneiro, 2021.- O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, lamentou hoxe no pleno da Deputación que se aprobe para este ano un “orzamento anti concellos e anti provincia”, que non prevé ningunha resposta extraordinaria para os grandes retos que plantexa a pandemia sanitaria, social e económica. “Estes orzamentos non están á altura dunha Deputación que manexa 164 millóns de euros, son un orzamento de trámite e de mero funcionamento, sen ningunha iniciativa política. Non repercute nas necesidades dos concellos da provincia ante a crise que estamos xa sufrindo”, sinalou.

    Ademais, Cubela recordou que a pesar de que o orzamento aumenta en 3,5 millóns de euros con respecto a 2020, amortiza 3 millóns de euros e conta con amplos remanentes, se conxela o Plan Concellos e reducen o gasto social. “O Bipartito está aprobando un orzamento continuísta, o que demostra a parálise política dos dirixentes da Deputación despois de seis anos de Goberno”.

    Polo tanto, para os populares “son unhas contas malas para a provincia”, e por iso presentaron unha emenda á totalidade, da man de alcaldes e alcaldesas, para intentar corrixilos. “Emenda que foi rexeitada polo Goberno, que dixo non a aumentar o Plan Concellos en 7 millóns de euros; dixeron  non a aumentar o gasto social; e dixeron non a un plan de axudas para autónomos e pemes. O único no que deron marcha atrás a petición do PP foi en non subirse os salarios”.

    Ademais, critican que non só non se consensuou nin negociou coa oposición, tampouco ser aceptou ningunha das emendas que presentaron os sindicatos. “Propoñen a amortización de xefatura de servizo a cambio de crear unha administración política paralela, con asesores e a creación de órganos directivos para os que xa non será necesario ser funcionario”, denunciou. “Impiden a promoción interna e carreira profesional dos funcionarios desta casa para poñer a comisarios políticos”.

    Por último, Cubela dixo que fronte ao rexeitamento das emendas e alegacións, a proposta do Goberno é a aprobación definitiva dun orzamento non que non hai ningún tipo de planificación, máis alá que traer as contas a final de ano “para contarnos contos”.

    ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO

    No pleno desta mañá tamén se debateu unha moción presentada polo Partido Popular para reclamar ao Goberno central máis investimentos para a provincia “e rematar co agravio ao que está sometendo a Galicia e a Pontevedra”. A voceira Pepa Pardo cualificou os orzamentos “como irreais, inxustos e cen por cento políticos, os peores dos últimos quince anos”.

    Os populares rexeitaron a emenda que presentaron PSOE e BNG, “porque non se intentaba chegar a un acordo, a presentaron para non ter que falar dos orzamentos do Estado”, e convidounos a que presenten unha moción específica sobre os orzamentos da Xunta. Nesta liña, Pardo dixo que “deben de sentirse tremendamente avergonzados porque no debate non fixeron unha soa referencia ás contas de Pedro Sánchez”.

    A deputada cuestionou que o PSOE antepoña os intereses de Pedro Sánchez aos da provincia, e que o BNG se deba antes ao seu socio de Goberno na Deputación que a súa defensa a Galicia e Pontevedra.

    “Son os peores orzamentos no peor momento posible, e a Deputación tiña que defender os intereses desta provincia e dos seus concellos. O documento ten graves carencias. E ademais, rexeitáronse todas as emendas que os diferentes grupos políticos presentaron a favor de Galicia e de Pontevedra. Por iso, era importante que saíse hoxe do pleno unha fronte común para reclamar, como mínimo, que manteñan e executen todos os investimentos que estaban recollidos no documento anterior”. Proxectos como o nudo dos bombeiros ou novos tramos da circunvalación de Pontevedra; a dotación dunha unidade de prevención e reacción para dar servizo á comarca de Pontevedra; o itinerario peonil entre A Seca-Combarro, en Poio; un compromiso firme e real para a gratuidade da peaxe Vigo-Redondela que leva esperando dous anos e que continúa sen executarse;  as variantes da Estrada e de Ponteareas; etc.