Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP pedirá no pleno provincial que o bipartito aclare a súa posición sobre a Área Metropolitana de Vigo

    • Elena Muñoz sinala que a ausencia de Carmela Silva na sinatura da lei, e as recentes declaracións de César Mosquera suscitan dúbidas sobre a implicación dunha das institucións que debe ceder competencias.
    • “Todos debemos estar plenamente comprometidos para que teña o mellor funcionamento e que os veciños comecen a comprobar canto antes os efectos positivos que vai ter para eles”, apunta.

     

    Vigo, 15 de setembro de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular defenderá mañá no pleno da Deputación de Pontevedra unha moción para que todos os grupos apoien de maneira unánime e incondicional a Área Metropolitana de Vigo e que amosen a máxima vontade de colaboración na súa posta en marcha, con todas as potencialidades que a lei recoñece.

    Así o explicou esta mañá a deputada do PP Elena Muñoz, que xunto co tamén deputado Jose Manuel Figueroa, insiste en que é importante que o bipartito aclare cal é a súa posición con respecto a área. A deputada popular entende que tanto a ausencia de Carmela Silva na sinatura da lei en Vigo como as recentes declaracións do vicepresidente César Mosquera nas que cuestionaba as competencias, a transcendencia e a paralización da área, “suscitan serias dúbidas sobre cal vai ser a implicación dunha das institucións que debe ceder competencias e que se ten que implicar no desenvolvemento da área metropolitana”.

    “Ante o desconcerto do vicepresidente e a tibieza da presidenta, consideramos que deben aclarar estas dúbidas, e por iso pediremos o apoio firme e decidido de toda a corporación provincial, para que se sume ao apoio da Xunta e dos 14 concellos da área”, sinala Elena Muñoz.

    Nesta liña, a deputada di que “neste proceso sorprende o silencio da Deputación de Pontevedra. Todos os alcaldes da área e as diversas institucións da cidade estiveron nunha cita na que ela foi a ausente”. Ademais, amosa a súa preocupación “polo evidente descoñecemento da lei e do consenso adquirido entre a Xunta e os Concellos” de César Mosquera.

    Elena Muñoz recorda que esta lei é un dos temas máis importantes de Vigo e de toda a área metropolitana, porque a súa entrada en funcionamento é un logro para todos os vigueses e para todos os veciños da área. Por iso, apunta que “todos debemos estar plenamente comprometidos para que teña o mellor funcionamento e que os veciños comecen a comprobar canto antes os efectos positivos que vai ter para eles”.

    Defende que non é unha nova institución baleira de contido, é un instrumento clave para mellorar os servizos para os cidadáns, e por iso todas as administracións deben implicarse para dotalo canto antes de contido. “Estanse dando pasos para que entre en funcionamento, co que se verán superadas barreiras administrativas, virtuais, avanzaremos en temas fundamentais para toda a área, e tamén para a provincia, como a ordenación do territorio, a prevención de incendios, o medio ambiente.. Avanzaremos para dar máis e mellores servizos”, engade.

    Por este motivo, os populares confían en que mañá a corporación da Deputación de Pontevedra aprobe de forma unánime a moción, como xa foi respaldada por todos os grupos no Parlamento galego, “porque entendemos que este paso de xigante ten que levar tamén o apoio unánime da institución provincial, unha das institucións que ten que colaborar na súa posta en marcha”.