Hoxe, nun mitin en Cambados
Cambados, 14 de setembro de 2016.- O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, recordou esta noite que os electores deben ser moi conscientes do que ocorre na política nacional antes de votar o próximo 25 de setembro. Rueda recalcou que votar ao Partido Popular e conseguir unha maioría absoluta excepcional é a única maneira de evitar que se reproduza en Galicia o bloqueo institucional que se está a vivir en Madrid.
O presidente provincial participou nun mitin na Sociedade Cultural de Cambados xunto ao candidato do Partido Popular á Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o delegado territorial do Goberno autonómico, José Manuel Cores Tourís, e o portavoz municipal, Luis Aragunde. Rueda destacou cal é a alternativa en caso de que Feijóo non sexa presidente: un multipartito de esquerdas no que os seus compoñentes non serán capaces de poñerse de acordo e no que non se sabe quen vai ser o líder e quen os conselleiros.
INVESTIMENTOS NO CONCELLO
Na súa intervención, Alfonso Rueda puxo en valor os investimentos que o goberno de Feijóo fixo nos últimos catro anos no concello de Cambados e na comarca do Salnés, e que ascenderon no primeiro dos casos a 22 millóns de euros e a máis de 100 no segundo. Entre os proxectos realizados, resaltou a nave multiusos de Tragove, que era unha das demandas históricas da confraría de Cambados, ou a mellora do peirao interior do porto, que tamén era unha reclamación do sector.
Ademais, de cara ao futuro, fixo fincapé no proxecto de ampliación do Hospital do Salnés, que suporá a creación dun hospital de día, ademais de melloras nas áreas de Urxencias e Reanimación e nos bloques cirúrxico e obstétrico.