Poio, 13 de setembro de 2016.- A concelleira do PP de Poio Natividad Torres Balea transmitiu hoxe as denuncias de varios veciños de Campelo en relación ó estado do camiño Area da Porta “ateigado de fochancos, co asfalto levantado en varios lugares e coas marxes sen desbrozar”.
Torres comprobou en persoa a situación deste camiño, que cualificou de “lamentable” e escoitou as queixas dos residentes na zona, que xa transmitiran con anterioridade a responsables municipais en numerosas ocasións polo que o concello “é perfectamente coñecedor do estado do camiño”.
A concelleira popular resumiu as impresións dos veciños de Campelo en que «séntense cidadáns de segunda ante o Concello», e transmitiu unha queixa xeralizada entre os denunciantes: «Se pagan impostos como os demais poienses, ¿por que están abandonados polo goberno local?»
Torres solicitou ó bipartito que atenda as reclamacións dos veciños e adecente o camiño arranxando o firme e desbrozando as marxes para facilitar o tránsito de vehículos e de persoas, pero subliñou que o problema real de Campelo é a desatención xeralizada do Concello, explicando que pese a ser “un dos núcleos máis poboados e dinámicos, o abandono por parte do goberno local é absoluto”.