Esta tarde, nun acto sectorial en Pontevedra
Pontevedra, 12 de setembro de 2016.- O Partido Popular reuniu esta tarde en Pontevedra a representantes dos profesionais do taxi de toda a provincia nun sectorial co obxectivo de escoitar de primeira man cales son as principais necesidades e prioridades dun sector de gran incidencia na provincia, xa que como destacou o presidente do PP de Pontevedra e candidato, Alfonso Rueda, o obxectivo dos populares é seguir traballando, como sempre o fixeron, ao seu carón.
Durante o encontro, Alfonso Rueda, que estivo acompañado polo candidato e conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou as propostas dos populares para a próxima lexislatura, pero tamén fixo un repaso de todo o conseguido ata o de agora en beneficio deste sector.
O presidente provincial puxo en valor que foi nesta lexislatura e cun goberno do PP co que se aprobou por primeira vez na historia de Galicia unha Lei do Taxi. Recordou que foi elaborado desde o consenso e desde o diálogo social, e grazas a ela hoxe os profesionais do taxi contan con importantes melloras e garantías. Nesta liña, destacou que dá estabilidade aos sectores económicos directamente implicados, garante o dereito das persoas usuarios, facilita a introdución de taxis adaptados, e establece mecanismos para evitar a competencia desleal.
Alfonso Rueda apuntou que esta lei complementouse con outras iniciativas directas e dirixidas tamén para este sector, como axudas para a adquisición de vehículos adaptados, o que garante a universalidade, accesibilidade e calidade na prestación do servizo. Nesta provincia, 15 taxistas de diferentes concellos recibiron este ano unha axuda de 10.000 euros por vehículo.
Pero tamén recordou que este mesmo ano iniciouse a tramitación do regulamento do taxi, que se materializará a través de un decreto que concreta as condicións legais para o exercicio desta actividade en Galicia. Sinalou que é de capital importancia para un sector que en Galicia ocupa a máis de 3.500 taxistas, na súa maior parte autónomos cun único vehículo, e aproximadamente 140 vehículos dedicados á actividade de arrendamento con condutor.