Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP amosa a súa “oposición firme e contundente” a que o Goberno central incaute na comarca de Caldas máis de 3 millóns de euros dos aforros dos concellos

     

    • Presentan mocións en todos os concellos da provincia e na Deputación de Pontevedra para instar ao Goberno central que non se apropie dos recursos das entidades locais e que sexan os propios concellos quen poidan usar o 100% dos seus remanentes.

     

    9, setembro, 2020.-  O Partido Popular denunciou esta mañá en Caldas que o Goberno central quere apropiarse de máis de 3 millóns de euros dos aforros dos concellos da comarca de Caldas, de xeito unilateral e sen o consenso cos alcaldes. Os deputados provinciais Jorge Cubela e Elena Estévez, xunto aos alcaldes e voceiros dos concellos desta comarca, lamentaron esta decisión e por iso anunciaron mocións en todos os concellos da provincia e na Deputación de Pontevedra para instar ao Goberno que non se apropien dos recursos das entidades locais, e que sexan os propios concellos os que poidan usar o 100 por cento dos seus remanentes.

    Así o explicou Jorge Cubela, que destacou a “oposición firme e contundente” dos grupos municipais e do grupo provincial á aprobación deste real decreto. “Son 3 millóns de euros que poderían destinarse a investimentos, servizos, gasto social ou amortización de débeda destes concellos, e que non están sendo defendidos polos alcaldes socialistas nin doutros partidos políticos que foron partícipes do goberno PSOE e Podemos en Madrid”.

    Lamentou a ruptura do consenso dos alcaldes na Femp, “que propiciou Abel Caballero ao plegarse aos intereses de Pedro Sánchez e cun cheque en branco ao partido socialista en lugar de defender os intereses do municipalismo”.

    Pola súa parte, o voceiro local do PP de Caldas, Fernando Pérez, manifestou a súa “repulsa” a esta incautación, “unha medida inxusta, desproporcionada e que prexudica aos intereses dos nosos concellos. Pedimos que reconsideren esta decisión e que impere a sensatez”.

    Por último, Elena Estévez dixo que “son 3 millóns de euros que deberían poder utilizalos os propios concellos, que sexan os alcaldes quen decidan en que gastar eses cartos segundo as prioridades e necesidades dos seus veciños, en lugar de entregarllos cun cheque en branco ao Goberno central”. Por iso, sinalou que “é difícil de entender que sexan as entidades locais as que teñan que ceder os cartos á administración central, cando debería ser ao revés”.

    Nesta liña, os populares incidiron en que a incautación destes remanentes e o real decreto que se vota mañá xoves no Congreso vai contra a autonomía local dos concellos e supón unha chantaxe, “porque se nos obriga a ceder os remanentes dos nosos concellos para poder acceder ao fondo que inclúe o real decreto. E, ademais, si non tes remanentes, tamén quedas fóra”, critican. Trátase, polo tanto, “dunha medida tremendamente inxusta, discriminatoria e condicionada, porque ademais tamén che din en que podes e non podes gastar eses fondos”.

    Proposta

    Os populares solicitarán o apoio expreso dos concellos e da institución provincial ao recurso de inconstitucionalidade que o Grupo Popular no Congreso dos Deputados presentará contra a Real Decreto-Lei 27/2020 para defender os intereses de todas as entidades locais e os aforros dos veciños e veciñas, así como o seu rexeitamento ao procedemento negociador que o Goberno de España mantivo coa FEMP para chegar a un acordo dese unha "apariencia" de apoio unánime das entidades Locais ao decreto.

    Así mesmo, instarán a solicitar aos órganos dos competentes da FEMP a reprobación do seu presidente, Abel Caballero, e a mostrar o seu profundo rexeitamento a calquera medida do goberno de España tendente a apropiarse dos aforros acumulados pola cidadanía.

    A proposta do PP insta o Goberno de España a atender as demandas dos concellos para que poidan dispoñer do 100% dos seus remanentes de tesourería para a loita contra os efectos negativos da COVID-19, levando a cabo para ese efecto as modificacións legais que resulten pertinentes. E en todo caso, a respectar e garantir a autonomía que a Constitución Española e as súas leis outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos.