Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP denuncia que o Goberno central quere incautar de xeito unilateral 11 M€ dos aforros dos concellos do Deza

    • Presentan mocións en todos os concellos da provincia e na Deputación de Pontevedra para instar ao Goberno central que non se apropie dos recursos das entidades locais e que sexan os propios concellos quen poidan usar o 100% dos seus remanentes.

     

    9, setembro, 2020.-  O Partido Popular denuncia que o Goberno central quere apropiarse de aproximadamente 11 millóns de euros dos aforros dos concellos do Deza, de xeito unilateral e sen o consenso cos alcaldes. Os deputados provinciais e alcaldes de Rodeiro e Cerdedo-Cotobade, Luis López e Jorge Cubela, e os alcaldes e voceiros do PP da comarca, lamentan esta decisión “tremendamente prexudicial” para os concellos, e por iso anuncian que xa están presentando mocións en todos os concellos da provincia e na propia Deputación de Pontevedra, onde se debate no pleno deste venres, para instar ao Goberno central que non se apropie dos recursos das entidades locais, e que sexan os propios concellos os que poidan usar o 100 por cento dos seus remanentes.

    Así o explica Jorge Cubela, que destaca a “total oposición” dos grupos municipais e do grupo provincial á aprobación deste real decreto, unha “decisión que vai contra o que os concellos sempre defendemos, que é que a boa xestión se prime”. Coa incautación dos aforros aos concellos, explica o popular, os concellos do Deza deixarán de xestionar preto de 11 millóns de euros, que poderían destinarse para investimentos, para novos servizos, para política social ou mesmo para amortizar débeda. No caso da Deputación de Pontevedra, trataríase de 25 millóns de euros.

    Nesta mesma liña tamén incidiu o deputado e alcalde de Rodeiro, Luis López,  que salientou que “estes cartos non deixan de ser os aforros dos concellos e dos seus veciños, conseguidos grazas á boa xestión municipal”. Polo tanto, considera que “vai contra a autonomía local dos concellos e supón unha chantaxe porque se nos obriga a ceder os remanentes dos nosos concellos para poder acceder ao fondo que inclúe o real decreto. E, ademais, si non tes remanentes, tamén quedas fóra”, critica. Trátase, polo tanto, “dunha medida tremendamente inxusta, discriminatoria e condicionada, porque ademais tamén che din en que podes e non podes gastar eses fondos”.

    Nesta mesma liña tamén se posiciona José Crespo, alcalde de Lalín, que insiste en que nunha situación como a actual na que as necesidades en diversos frontes se multiplican e os recursos a disposición dos concellos minguan, é crucial que o goberno do Estado derogue a Lei Montoro, unha Lei que no seu momento serviu para meter en cintura os gastos das administracións, especialmente dos concellos, pero que na actualidade xa non cumpre as súas funcións.

    “Os concellos precisamos que nos habiliten unha liña de achegas como fixeron coas comunidades autónomas ou que dentro desas se fixe unha cantidade concreta para que se capilarice hacia nós para facer fronte aos gastos dos COVID, pero sobre todo o que necesitamos é que nos deixen gastar os nosos aforros para que na medida do posible poidamos atender as necesidades dos nosos veciños e axudar ao tecido produtivo. E iso só se consigue derogando a Lei Montoro e permitíndonos gastar os remanentes naquelas cuestións nas que estamos máis necesitados”, sinala.

    Ademais, os populares tamén critican a postura do alcalde de Vigo Abel Caballero, que como presidente da FEMP, exerceu o seu voto de calidade para que o Goberno incaute estes cartos e romper así, por primeira vez, o consenso dos alcaldes, primando o interese partidista por riba dos intereses do municipalismo. “Non hai ningún antecente de ruptura deste consenso”, apuntaron.

    Proposta

    Os populares solicitarán o apoio expreso dos concellos e da institución provincial ao recurso de inconstitucionalidade que o Grupo Popular no Congreso dos Deputados presentará contra a Real Decreto-Lei 27/2020 para defender os intereses de todas as entidades locais e os aforros dos veciños e veciñas, así como o seu rexeitamento ao procedemento negociador que o Goberno de España mantivo coa FEMP para chegar a un acordo dese unha "apariencia" de apoio unánime das entidades Locais ao decreto.

    Así mesmo, instarán a solicitar aos órganos dos competentes da FEMP a reprobación do seu presidente, Abel Caballero, e a mostrar o seu profundo rexeitamento a calquera medida do goberno de España tendente a apropiarse dos aforros acumulados pola cidadanía.

    A proposta do PP insta o Goberno de España a atender as demandas dos concellos para que poidan dispoñer do 100% dos seus remanentes de tesourería para a loita contra os efectos negativos da COVID-19, levando a cabo para ese efecto as modificacións legais que resulten pertinentes. E en todo caso, a respectar e garantir a autonomía que a Constitución Española e as súas leis outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos.