Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP pregunta “que fixo o BNG en 25 anos para mellorar as emerxencias en San Salvador e en todo Poio?”

    • Os populares recordan a Marga Caldas que as competencias en emerxencias son das administracións locais, “non o di o PP, díno varias leis” e lamentan que desde o BNG se estea mentindo aos veciños sobre a responsabilidade do Concello: “Se non coñecen as normas, malo. Se as coñecen e tratan de enganar a xente, peor”. 
    • Rocío Cochón lembra que BNG e PSOE xa votaron en contra de que os bombeiros de Pontevedra dean servizo en San Salvador e noutras parroquias, e que o goberno local segue sen propoñer ningún convenio a Pontevedra, apoiar a comarcalización ou solicitar ningunha modificación do mapa de emerxencias, polo que “se hai unha traxedia, serán responsables”.
    • “As boas palabras baleiras están moi ben pero a xente necesita feitos”, subliña Cochón, que recorda que nos últimos anos en San Salvador “xa arderon casas e hoteis habitados por ocupas, edificios na caeira, talleres, colectores, vehículos particulares... sen que o Concello de Poio faga nada. Como non van estar enfadados os veciños da parroquia?

     

    24 de xullo de 2020. A concelleira do PP, Rocío Cochón, lamentou este venres que Marga Caldas intente aplacar “con mentiras e palabras baleiras” o enfado dos veciños de San Salvador pola falta de servizo de de emerxencias eficaz, e volveu a esixir ao Concello que dea pasos para garantir que os bombeiros do parque municipal de Pontevedra, que se atopa no termo municipal de Poio, dean servizo na parroquia.

    Cochón pediu ao BNG que “deixe de mentir sobre as emerxencias”, e explicou que as competencias nesta materia son das administracións locais (Concello e Deputación), “non o di o PP, dino varias leis”, como a Lei de Bases do Réxime Local, que recolle a normativa básica nacional sobre os concellos e que no seu artigo 25.2 determina que “el Municipio ejercerá como competencias propias (...) f) Policía local, protección civil, prevención y extinción de incendios”, ou a Lei da Administración Local de Galicia, que no seu artigo 80.2 recolle que “O municipio exercerá, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma nas seguintes materias: a) A seguridade en lugares

    públicos. (...) c) A protección civil e a prevención e extinción de incendios”, ou a Lei de Emerxencias de Galicia, que entre outros preceptos establece que corresponde aos concellos ou entidades supramunicipais “a prestación dos servizos de protección civil e a actuación inicial ante calquera situación de emerxencia que se detecte”, polo que lamentou que a Concelleira de Seguridade de Poio estea trasladando falsidades aos veciños cando di que son atendidos por uns bombeiros ou por outros “por culpa da Xunta”: “Se non coñecen as normas, malo. Se as coñecen e tratan de enganar a xente, peor”.

    O certo é que a competencia sobre emerxencias é unha competencia municipal, e se un municipio non quere ou non pode prestala, debe prestala a Deputación de Pontevedra, explicou Cochón: “Pois ben, que fixo exactamente nestes 25 anos o BNG de Poio coas súas competencias para mellorar o servizo de emerxencias?” e recordou que os nacionalistas votaron xunto ao PSOE no anterior mandato para rexeitar que os bombeiros de Pontevedra dean servizo en San Salvador e noutras parroquias.

    Cochón recordou as numerosas campañas emprendidas desde o PP para mellorar o servizo de emerxencias, que deben contar coa colaboración do Concello, que é ademais o responsable de propoñer calquera cambio no mapa de emerxencias e “non fixo nada en 25 anos”. A popular explicou que nestes momentos a mellor maneira de mellorar o servizo de emerxencias sería comarcalizar o Parque de Bombeiros de Pontevedra, e mentres isto non sucede, asinar un convenio co Concello de Pontevedra para que os bombeiros da capital dean servizo en Poio.

    Nada disto está na axenda dos 3 Alcaldes, nin do BNG, que “non fixeron absolutamente nada para buscar a mellora das emerxencias en ningunha parte do Concello”, xa que nin propoñen un convenio a Pontevedra, nin apoian a comarcalización, nin solicitan ningunha modificación do mapa de emerxencias elaborado conxuntamente por todas as administracións, polo que “se hai unha traxedia, serán responsables”.

    Cochón dixo estar sorprendida polas palabras de Caldas que “agora di que lle gustaría ir da man do PP pero cando presentamos unha moción vota que non”, e solidarizouse cos veciños de San Salvador, que estes días protestan polas consecuencias da falta de servizo na parroquia e a falta de xestión do Concello. Nese sentido, recordou aos nacionalistas “as boas palabras están moi ben pero a xente necesita feitos”, e recordou que nos últimos anos en San Salvador “xa arderon casas e hoteis habitados por ocupas, edificios na Caeira, talleres, colectores”... e nesta semana, “vehículos particulares”... sen que o Concello de Poio faga nada. “Como non van estar enfadados os veciños da parroquia?”, polo que instou aos membros do goberno local a que “deixen de mentirlle aos veciños e fagan algo dunha vez antes de que sexa demasiado tarde”.