Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • Rueda: “este undécimo deputado do PP de Pontevedra é decisivo para que Feijóo conseguise o seu mellor resultado”

    • Resalta que o PP gañou no 93,5%  dos concellos, incluídos todos os concellos de máis de 20 mil habitantes da provincia e as tres grandes cidades.
    • Destaca o traballo feito pola Xunta para garantir que votar fose seguro.

     

    21, xullo, 20.- O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, amosou esta mañá a “satisfacción do PP provincial por manter os magníficos resultados de 2016”. Sinalou que, con todas as dificultades que tivo esta lexislatura e especialmente estes últimos meses, “o partido se mantivo unido e nesta cita decisiva acadamos un magnífico resultado e mantemos a estabilidade”.

    Foi durante a valoración que fixo dos resultados electorais,  unha vez coñecido o voto exterior e rematado o escrutinio xeral. “Como partido demostramos capacidade para apoiar a xestión dun Goberno e, polo tanto, contribuímos a que a provincia de Pontevedra volvese a confiar no PP e que esta provincia fose decisiva para que Alberto Núñez Feijóo conseguise o mellor resultado das súas catro maiorías absolutas”.

    Así, resaltou que dos 61 concellos da provincia, o PP gañou en 57,  é dicir, no 93,5%. O PP foi primeira forza tamén en todos os concellos de máis de 20 mil habitantes da provincia, incluídas as tres grandes cidades. Ademais, en Pontevedra e Vilagarcía aumentou apoios. “A potencia do PP nas cidades se confirma con estes resultados”, afirmou.

    Rueda criticou que despois da pasividade de PSOE e BNG durante a semana pasada co voto exterior, onte os socialistas tivesen unha actividade frenética para reclamar que se recontasen os 4.600 votos nulos que houbo na provincia. “Unha decisión inédita que non se recorda e que obrigou a revisar todos os votos nulos da provincia”, explicou.

    O presidente provincial quixo subliñar outro dos aspectos decisivos da xornada electoral, que foi a propia organización das eleccións. Así, destacou o traballo que se fixo desde a Vicepresidencia da Xunta para que a xente se sentira segura á hora de votar. “Este traballo permitiu que os galegos acudiran ás urnas sen medo. Galicia no seu conxunto deu un exemplo democrático”, engadiu.

    Por último, anunciou que esta mesma semana se fará unha xunta directiva provincial con Feijóo para analizar polo miúdo os resultados cos representantes locais do partido.