A Estrada, 08 de setembro de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular denuncia que a vía provincial EP-7001, entre Forcarei e A Estrada, está hoxe nunha situación aínda peor que hai un ano, cando a presidenta da Deputación de Pontevedra se comprometeu a garantir a súa seguridade. Explican que agora non só hai un perigo evidente provocado pola falta de sinalización e de pintado da estrada nunha zona afectada diariamente por unha densa néboa, senón que a esta situación se suma que a Deputación de Pontevedra ten todas as estradas provinciais da comarca sen desbrozar, polo que a maleza dificulta ver cando os cabalos salvaxes –habituais nesta zona- invaden a vía.
Así o comprobaron esta mañá o voceiro do grupo provincial do PP, Ángel Moldes, acompañado pola tamén deputada e alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, e polo alcalde da Estrada, José López. “Non só incumpriu o seu compromiso, senón que permitiu que hoxe circular por esta estrada provincial sexa aínda máis perigoso que hai un ano”, denuncia o voceiro.
Ángel Moldes apuntou que “estamos en tempo de volver ás néboas densas e esta estrada segue sendo un perigo evidente para a circulación”. Entende que “non é cuestión de orzamento, porque para estas melloras non é preciso un investimento elevado, senón que é un problema de pasotismo absoluto e de falta de compromiso”.
Belén Cachafeiro recordou que urxiu á presidenta da Deputación de Pontevedra ata en dúas ocasións unha solución para esta estrada. A primeira, durante a visita que Carmela Silva fixo a Forcarei e na que asumiu o compromiso diante de toda a corporación municipal, e a segunda en xaneiro e por escrito.
“É un problema de deixadez, porque coñecen perfectamente cal é a situación, teñen imaxes do perigo ao que se enfrontan diariamente os condutores nesta estrada provincial, pero aínda así non actúan. E non actúan a pesar de ser un compromiso adquirido pola propia presidenta”, critica a alcaldesa.
Sobre o estado das cunetas, tanto Belén Cachafeiro como José López chamaron a atención sobre que é a primeira vez que en Terra de Montes todas as vías provinciais están sen desbrozar. “É lamentable o estado de todas as vías da Deputación de Pontevedra”, dixo a alcaldesa de Forcarei, que recordou como anécdota que no último pleno municipal un concelleiro do BNG criticou o estado de abandono e de perigo dunha estrada da súa parroquia pensando que era municipal, cando era provincial.