Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • A VECIÑANZA DE CASALVITO ESIXE UNHA MARQUESIÑA PARA O BUS ESCOLAR «DUNHA VEZ»

    • Pais, nais e alumnado usuario do transporte escolar levaron a cabo este venres unha acción de protesta coa instalación dunha “marquesiña” provisional e solicitan ao goberno local que «instale unha de verdade e permanente».
    • A concelleira do PP Rocío Cochón recorda que é unha demanda xusta, que ven de hai anos e que afecta ao benestar dos nenos e nenas de Poio: «Os rapaces hoxe nos preguntaban se esta “marquesiña” ía estar aquí todos os días para non mollarse. Pedimos aos 3 alcaldes que escoiten e non miren para outro lado».
    • Cochón recordou que, segundo datos do propio concello, ademais de en Casalvito máis de 40 paradas de bus en todo Poio non teñen ningún elemento para protexer aos usuarios do transporte público ou escolar e pediu a BNG, PSOE e Avante Poio que fagan fronte ás súas responsabilidades e busquen unha solución inmediata neste e outros núcleos: «Non pode ser que mentres en xaneiro os 3 alcaldes se van subir o soldo un 15% os rapaces de Poio sigan chegando mollados a clase».

     

    22 de novembro de 2019. Pais, nais e alumnos dos centros escolares de Poio veciños de Casalvito levaron a cabo este venres a mediodía unha acción de protesta na parada do bus escolar.

    A acción consistiu na montaxe dunha “carpa” provisional a modo de marquesiña, para protexer da chuvia e o vento aos rapaces e rapazas usuarios do bus escolar. Desde hai anos, estos veciños veñen solicitando do Concello a instalación dunha marquesiña na parada do transporte escolar para que os nenos non agarden o bus á intemperie, tanto presencialmente como mediante escritos en rexistro ou por outros medios, sen éxito e sen conseguir unha resposta do Concello. Coa acción de hoxe, esperan que os 3 alcaldes instalen unha marquesiña “de verdade e permanente”.

    O Partido Popular, xa no anterior mandato, fíxose eco desta petición, que reiterou, xa dirixida aos 3 alcaldes en comisión de urbanismo a mediados de outubro, igualmente sen resposta por parte do goberno municipal.

    A concelleira do PP Rocío Cochón, presente no acto de protesta, explicou que a destes pais é unha demanda xusta, que levan facendo desde hai varios anos e que, o máis importante, afecta ao benestar dos nenos e nenas de Poio.

    Proba diso foi a sorpresa coa que os usuarios do bus escolar recibiron a presenza da “marquesiña” baixo a que se resgardaban da chuvia este venres os seus pais e nais mentres agardaban o bus: «Os rapaces hoxe nos preguntaban se esta “marquesiña” ía estar aquí todos os días para non mollarse», explicou Cochón. «Pedimos aos 3 alcaldes que escoiten e non miren para outro lado».

    Cochón indicou que nin é un problema novo nin está restrinxido a Casalvito, xa que segundo datos do propio concello, hai máis de 40 paradas de bus en todo Poio que non teñen ningún elemento para protexer aos usuarios do transporte público ou escolar, e lamentou que isto non sexa unha prioridade para BNG, PSOE e Avante Poio: «Cada vez que preguntamos ou non constestan ou botan balóns fóra dicindo que non hai cartos, ou botando a culpa a outras administracións, cando esta é unha responsabilidade do concello».

    Cochón solicitou aos 3 alcaldes que busquen unha solución inmediata tanto para Casalvito como para o resto de lugares nos que se dá esta problemática, «e se non teñen cartos, terán que solicitar axudas ou subvencións a outras administracións como fan outros concellos».

    A popular recordou que ademais da falta de marquesiñas neste e en decenas de paradas de Poio, este mesmo martes volveu solicitou o arranxo do camiño que utilizan os alumnos do IES de Poio para ir a clase, tamén en pésimas condicións e co mesmo resultado: «Sempre se repite o mesmo patrón, trasladamos as peticións de pais e alumnos para que o concello faga algo antes de que comece o curso e despois rematan as clases e o concello de Poio non fixo nada».

    Por ese motivo, Cochón, esixiou a BNG, PSOE e Avante Poio que escoiten as demandas da veciñanza e «fagan fronte ás súas responsabilidades, sobre todo no tocante ao benestar dos nenos e nenas de Poio, porque gobernar non consiste solo en cobrar a fin de mes, e non pode ser que mentres en xaneiro os 3 alcaldes se van subir o soldo un 15% os rapaces de Poio sigan chegando mollados a clase».