Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP pide aos 3 alcaldes que acaben coa politización dos actos institucionais

    • Presentan unha moción para garantir a neutralidade dos actos institucionais e obrigar ao goberno local a comunicar ao resto dos grupos o programa e o orzamento destes actos antes da súa realización.
    • Denuncian o crecente uso político dos actos e os recursos do concello ao longo do anterior mandato e actualmente por parte dos 3 alcaldes, cuxo penúltimo episodio foi a actuación «bochornosa» do BNG e Ana Pontón no acto do Día da Galiza Mártir, onde os nacionalistas demostraron «que poñen os intereses do seu partido por diante dos veciños e da dignidade institucional do concello de Poio».
    • A actitude de Pontón, que exerceu un papel protagonista no acto en contra do acordado coas entidades de memoria, chegando a depositar a ofrenda institucional do Concello de Poio, provocou mesmo as protestas de membros da familia de Alexandre Bóveda e da Fundación homónima, coorganizadora do acto, que trasladou as súas queixas ao goberno local e ao Partido Popular.
    • Os populares recordan que o BNG tamén convertiu os actos polo 25 de xullo nun auténtico mitin da formación nacionalista «co diñeiro de todos e sen pasar tampouco por ningunha comisión».

      

    16 de outubro de 2019. O Partido Popular esixirá aos 3 alcaldes no pleno deste martes que garantan a neutralidade dos actos institucionais organizados ou coorganizados polo Concello, eviten a politización e o uso partidista dos recursos públicos e do nome e da imaxe de Poio e ademais, que cumpran o compromiso de informar con antelación a todos os grupos políticos sobre o programa e o orzamento dos actos organizados e financiados con cargo aos orzamentos municipais.

    A concelleira do PP Rocío Cochón presentou esta moción a raíz da crecente instrumentalización política dos actos “institucionais” que se celebran no municipio organizados ou coorganizados polo Concello e o conseguinte deterioro da imaxe da corporación polo uso político da mesma por parte de BNG, PSOE e, actualmente, Avante Poio.

    Os populares esixirán aos 3 alcaldes que cesen na politización dos actos institucionais mediante un texto, no que resaltan que “preservar a dignidade das institucións, evitar a súa instrumentalización política e transmitir unha imaxe de neutralidade e respecto ás leis que as sustentan, ao resto de institucións e ás distintas opcións dos cidadáns aos que representan son valores necesarios nunha democracia”, pero estes valores estanse “a vulnerar repetidamente por parte do goberno local e os seus representantes, e moi especialmente no exercicio das súas funcións representativas e institucionais, que se exercen, por outro lado, con un total desprezo pola transparencia”.

    Cochón resaltou varios exemplos de vulneración destes principios como “falta de respecto institucional cara a outras institucións, declaracións contrarias á lei e ás FCSE impulsadas por representantes municipais, insultos a edís da oposición en comisións e plenos dentro da mesma casa consistorial ou a participación de membros do goberno, facendo gala do seu cargo, en manifestos e concentracións en apoio a “referendos” ilegal e persoas procesadas e condenadas por graves delitos.

    Con todo, o PP quixo centrar a moción nos “actos institucionais” organizados ou coorganizados polo Concello, que, “nos últimos anos e meses, e despois da constitución do último goberno, vulneran principios básicos de neutralidade, socavan a imaxe de Poio e omiten calquera atisbo de transparencia con relación á súa organización ou orzamento.

    Neste sentido, Cochón resaltou especialmente dous exemplos recentes, como a celebración do Día de Galicia de 2019, que se convertiu nun auténtico mitin do BNG, xa que consistiu nas intervencións do nº 1 e a nº 2 do BNG de Poio xunto a un deputado do BNG pola Coruña, «iso si, un mitin pagado polos veciños de Poio», e recordou o sucedido coa mesma celebración de 2018, cando o folleto oficial repartido polo Concello e co selo do Concello e a Deputación incluía propaganda do acto de partido do BNG en Santiago, tamén en propaganda institucional e pagada por todos os poienses.

    Cochón lamentou especialmente a actuación «bochornosa» do BNG e Ana Pontón no acto do Día da Galiza Mártir, onde os nacionalistas demostraron «que poñen os intereses do seu partido por diante dos veciños e da dignidade institucional do concello de Poio».

    A voceira a nivel autonómico da formación nacionalista exerceu un papel protagonista no acto, chegando incluso a depositar a ofrenda institucional do Concello de Poio, todo elo en contra do acordado coas entidades de memoria, o que provocou as protestas de membros da familia de Alexandre Bóveda e da Fundación homónima, coorganizadora do acto, que llas trasladaron persoalmente á concelleira do BNG Marga Caldas, e tamén ao Partido Popular.

    Cochón lamentou que o BNG fixese oídos xordos ás dos propios coorganizadores, todo con tal de non incomodar á súa “xefa de filas” Pontón, nunha demostración de que «para os nacionalistas de Poio é moito máis importante o BNG que Poio», e denunciou tamén «a pasividade do resto dos membros do goberno, dispostos a socavar o nome e a dignidade do Concello para evitar problemas entre os 3 alcaldes».

    Por este motivo, os populares pedirán expresamente que de agora en adiante o goberno de Poio garanta “a neutralidade, a legalidade e o respecto á pluralidade política en todos os actos institucionais organizados ou coorganizados polo concello”, en particular “evitando manifestacións partidistas ou sectarias durante os mesmos por parte dos representantes municipais” e “impedindo a utilización política dos recursos municipais, e asegurando en todo momento a transmisión dunha imaxe respectuosa cunhas normas básicas de protocolo e reflexando a pluralidade política dos veciños de Poio”, uns veciños que, recordou Cochón, nas últimas eleccións votaron de forma moi maioritaria polo Partido Popular.

    Ademais, Cochón volveu denunciar a opacidade na organización destes actos, que xa era patente durante o Bipartito e continúa ou mesmo empeorou coa entrada de Avante Poio na alcaldía, xa que os actos preséntanse e celébranse sen ter pasado por ningunha comisión previamente, e coñécense antes pola prensa que polo principal grupo político do Concello, algo que non respecta nin os principios básicos de transparencia nin a realidade política do concello.

    Por ese motivo, o populares esixirán que “os programas e orzamentos de todos os actos institucionais organizados ou coorganizados polo Concello de Poio sexan trasladados ao Pleno, á Comisión Informativa correspondente, ou a todos os grupos políticos mediante a sede electrónica municipal con anterioridade á celebración dos actos, en particular aqueles que se celebran periódicamente e dos que se coñecen as datas anticipadamente”.