Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • “Sabiamos que botariamos de menos a Ana Pastor como ministra de Fomento, pero non tan cedo”

    • A cabeza de lista pola provincia, María Ramallo, participou hoxe nun encontro con alcaldes e portavoces da zona de Ulla-Umia celebrado en Moraña
    • Proxectos paralizados na comarca como a Variante Oeste de Caldas ou melloras na N-550 e N-640, entre os asuntos abordados na reunión
    • Luisa Piñeiro: “O Goberno recortou fondos aos concellos que para municipios pequenos como os nosos son fundamentais. No caso de Moraña, 50.000 euros”

     

    24 outubro, 2019.-  A cabeza de lista do Partido Popular pola provincia de Pontevedra, María Ramallo, mantivo hoxe un encontro con alcaldes, portavoces e concelleiros da zona de Ulla-Umia. Á reunión, celebrada en Moraña e que tivo á alcaldesa Luisa Piñeiro como anfitrioa, asistiron tamén varios membros das candidaturas ás Cortes.

    “Sabiamos que botariamos de menos a Ana Pastor como ministra de Fomento, pero non tan cedo. Neste ano e medio o PSOE non deu nin unha boa nova á provincia de Pontevedra”, sinalou Ramallo, quen recordou os numerosos investimentos que recibiu a provincia de Pontevedra ao longo dos anos do Partido Popular no Goberno.

    Á xuntanza acudiron a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Portas, Ricardo Martínez; ademais dos portavoces de Caldas, Fernando Pérez; Cuntis, Manuel Vázquez; Barro, José Antonio Landín, e Catoira, Iván Caamaño. Xunto a eles concelleiros de tódolos municipios de Ulla-Umia.

    Entre as reivindicacións expostas, moitas delas tiveron que ver co Ministerio de Fomento. Así, Fernando Pérez reclamou a Variante Oeste de Caldas para conectar a N-550 coa N-640. “Está provocando problemas graves de tráfico porque os coches que veñen pola N-550 e queren ir cara a zona de Vilagarcía teñen que entrar no caso urbano. Deste proxecto non temos noticias e por suposto non estaba incluído nos Presupostos que Pedro Sánchez intentou aprobar e que lle tumbaron”.

    O portavoz en Caldas recordou que a Variante Este de Caldas se impulsou cun Goberno do Partido Popular e pediu unha reforma integral da ponte da Ferrería, na N-550, e unha mellora dos tramos urbanos da N-550, entre Caldas e Tivo e entre Tivo e Bemil. “Ademais, despois da marcha de Ana Pastor quedaron paralizados plans que ela desatascara como o entronque da N-550 na rotonda de Bemil, que permitiría a ampliación de Clavo ou a rotonda de acceso á zona empresarial de Monte Meán, na N-640”.

    O portavoz de Catoira, Iván Caamaño, pola súa parte, reclamou a instalación da rede de sumidoiros na rúa Xelmírez, comprometida polo Adif e que agora non entra nos plans do organismo dependente de Fomento. “Era unha obra que Adif dixo quer ía acometer, pero agora queren desentenderse. Iso é o que lles importa o noso concello”, afirmou.

    Ademais das obras de Fomento, a alcaldesa de Moraña fixo fincapé no financiamento dos concellos, que se viu afectado polo recorte de fondos que aplicou o Goberno central de forma xeneralizada. “Para municipios pequenos como os nosos son fundamentais. No caso concreto de Moraña estamos falando de 50.000 euros que poderían terse investido en mellorar os servizos aos veciños”.

    “Os concellos de menos de 10.000 habitantes deben ter voz no Congreso”, finalizou Ramallo. “Son unha municipalista convencida, que sabe que a xestión do día a día e o contacto co veciño teñen a súa base na política local. Do que se trata é de que ese contacto e esa xestión teñan un oco na política nacional”.