Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP critica a falta de diálogo e proxecto da Deputación e reclama que se abra unha nova etapa

    • Jorge Cubela pide “outro nivel político, outro talante, máis diálogo”.
    • “Non hai xestión, A Deputación está ao servizo exclusivo da imaxe e propaganda da presidenta”.
    • Pepa Pardo apunta que “nestes 100 días non hai nada novo, continúan apostando pola confrontación política e seguen os mesmos problemas de transparencia, falta de diálogo e de portas pechadas para veciños e colectivos da provincia”.

     

    22, outubro, 2019.- O grupo provincial do Partido Popular critica que desde que o PSOE está gobernando, a Deputación de Pontevedra deu un retroceso moi importante e os concellos están totalmente desatendidos. “A Deputación xa non é a institución amiga que apoiaba e axudaba aos pequenos e medianos concellos da provincia, desde que Carmela Silva lidera esta institución converteuse nunha plataforma de confrontación continua e, ademais, xa non xestionan, xa non se toman decisións para dar resposta ás necesidades e prioridades dos concellos, a institución provincial está agora ao servizo exclusivo da imaxe da presidenta, todo recae na propaganda e nos actos promocionais de Carmela Silva”, denunciou o voceiro do grupo, Jorge Cubela.

    Foi durante o balance dos primeiros cen días de mandato que fixo esta mañá, xunto á vicevoceira Pepa Pardo. Cubela resumiu este tempo en “falta de diálogo institucional e falta de proxecto para a provincia” e solicitou “que se abra de verdade unha nova etapa”. Nesta liña, sinalou que “desde o PP queremos que sexa o goberno da provincia, o goberno dos alcaldes e o goberno dos concellos”. Por iso, recordou que desde o PP pediron, e así o seguirán facendo, un trato igualitario para todos os concellos.

    “Continúa enriba da mesa, pero a realidade desta Deputación é que os pequenos e medianos concellos seguen perdendo peso”. Ademais, o voceiro lamentou que se prioricen “as campañas de promoción en exclusiva da presidenta Carmela Silva. O vemos moito máis agora que no anterior mandato, cunha redución ata practicamente a súa desaparición no BNG no equipo de goberno, e temos unha presidenta que continúa sen recibir e atender a colectivos, particulares nin plataformas”. Como exemplos puxo aos representantes da Escola de Canteiros de Poio, “que continúan sen ser recibidos pola presidenta”. Cubela tamén se referiu neste balance, á “falta de respecto constante, como a saída de ton na rolda de prensa do venres contra un dos voceiros do PP, concretamente contra min”.

    Ademais, o popular recordou que “o primeiro que prometeu Carmela Silva no seu discurso de investidura foi respecto institucional, pero o certo é que o primeiro que fixo no primeiro pleno deste mandato foi  plantexar e interpoñer un recurso contencioso administrativo contra a Xunta de Galicia polo Pazo de Lourizán. É iso respecto institucional? É iso unha chamada institucional, clarisimamente non”, dixo.

    No que respecta á falta de proxectos, “seguimos sen saber que proxecto ten para dar resposta aos alcaldes do PSOE, BNG e PP da comarca de Pontevedra para a comarcalización do parque da cidade; non hai diálogo cos concellos nin cos alcaldes en materia de estradas, e a proba é a situación en Catoira onde dun día para outro os veciños viron como colocaban resaltos sen ton nin son ou na Rolda Leste, na que cambiaron a ubicación da inauguración para non dar explicacións aos veciños de Marcón que estaban alí para trasladarlle a súa oposición. Tampouco explican por que Fomento non está cumprindo en tempo coa súa parte do convenio de musealización dos castros da provincia, e seguen sen contar cos veciños, coas asociacións e coas entidades”.

    Por todo isto, Cubela pediu “outro nivel político, outro talante, máis diálogo”. Desde o PP, dixo, “seguimos estando abertos para dialogar, para chegar a acordos, e  sobre todo para que se conte con nós. Non podemos seguir esperando respostas, como a que fixo nun pleno, que ante un rogo do voceiro para pedir unha xunta de voceiros para tratar melloras no regulamento orgánico e facer propostas ao orzamento, a resposta da presidenta é que eles teñen 16 deputados, que falaba moi clariño, e polo tanto non ía convocar a xunta de voceiros porque non se ía reunir comigo en ningún caso. Qué talante é dicir que non hai oportunidade de diálogo co partido da oposición?”

    Nesta mesma liña se centrou Pepa Pardo, que dixo que nestes cen días houbo moito promoción persoal de Carmela Silva e moi pouca xestión. “Non hai nada novo, pero seguen os mesmos problemas de transparencia, de falta de diálogo e de portas pechadas que había no mandato anterior”, engadiu, e puxo de exemplo o acontecido na inauguración da Rolda Leste cos veciños de Marcón. Por último, lamentou que en lugar de asumir o cargo de presidenta da Deputación, Carmela Silva utilice a institución para confrontar e, polo tanto, como plataforma política do PSOE de Vigo.