15, outubro 2019.- O Partido Popular da provincia de Pontevedra presentou hoxe as súas listas ao Congreso e ao Senado nas eleccións do vindeiro 10 de novembro. O presidente provincial, Alfonso Rueda, fíxoo no Museo do Mar de Vigo, sendo consciente de que no ano e medio que pasou desde a moción de censura que apartou da presidencia a Mariano Rajoy, “o Partido Socialista non foi capaz de dar unha soa boa noticia á provincia de Pontevedra”.
Xunto a Rueda estiveron os membros da candidatura ao Congreso (María Ramallo, Diego Gago, Javier Bas, Elena Suárez, Juan Constenla, Miguel García e Cristina Pérez) e ao Senado (Javier Guerra, Pilar Rojo e Santiago Rodríguez Davila). “Somos un equipo que sempre sae a gañar. Por iso fixemos incorporacións moi potentes á candidatura, cunha presenza moi potente de Vigo e do resto de territorios da provincia”, afirmou Rueda.
O presidente provincial destacou que “tras meses de parálise en España, en Galicia e na provincia de Pontevedra non temos nada que agradecerlle ao Partido Socialista. De feito este tempo serviu para que xente que no mes de abril confiaba en que as cousas podían ser doutra maneira vira que o PSOE non lle deu unha soa boa noticia a Galicia e a Pontevedra e que dividir o voto no centro dereita serve para que o Partido Socialista saia gañando”.
A cabeza de lista ao Congreso, María Ramallo, mostrou a súa ilusión ante este novo reto. “Eu ofrezo a miña xestión, o meu traballo e a capacidade de tódolos concellos que están constituídos e gobernando desde maio, a diferenza do Goberno. A xente demanda que sexamos capaces de poñernos de acordo, de ter un goberno e de desbloquear moitos temas que levan tempo parados”, declarou Ramallo, quen fixo fincapé na súa aposta municipalista. “Nos concellos temos experiencia en resolver os problemas da xente desde o primeiro día e a iso debemos adicarnos”.
Pola súa parte, Javier Guerra, que encabeza a candidatura ao Senado, foi moi claro ao afirmar que o obxectivo do partido é conseguir que os tres aspirantes á Cámara Alta saian elixidos. “Estamos nun momento crítico na historia de España”, afirmou Guerra, quen, sinalando as grúas da ria de Vigo, engadiu que “son as industrias que desde as Cortes debemos defender. Teremos que defender máis e mellor o noso ámbito comercial e industrial”.