O PP RECORDA QUE «NESTES 100 DÍAS O ÚNICO QUE MANTIVO UNIDO AOS 3 ALCALDES FORON AS NÓMINAS»

Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar" , concordas con estas condicións. Máis información.

Populares de Pontevedra

  • 1
  • 2
  • 3
  • O PP RECORDA QUE «NESTES 100 DÍAS O ÚNICO QUE MANTIVO UNIDO AOS 3 ALCALDES FORON AS NÓMINAS»

    • A concelleira do PP Rocío Cochón deixa claro o verdadeiro resumo dos primeiros meses do novo goberno: «3 alcaldes que non representan a vontade política dos veciños de Poio, repetindo as mesmas promesas dos últimos 25 anos e cos que todo segue igual ou pior».
    • Cochón apunta que entre os 3 alcaldes non existe nin proxecto común nin sintonía máis que para subirse a nómina mentres recortan axudas, continúan todas as malas prácticas dos anteriores gobernos e son incapaces de resolver os problemas de Poio.
    • Resalta que cos 3 alcaldes continúan as «chapuzas e a improvisación en urbanismo», «a incapacidade de xestionar o concello» e «unha absoluta falta de transparencia» e advirte: «Os veciños viven de feitos e non de palabras nin de fotos».
    • Por contraste, nestes 100 días «o PP traballou por levar a cabo o programa máis votado pola xente baixo o liderazgo do candidato máis votado pola xente, Ángel Moldes, e por mellorar a vida e solucionar os problemas dos veciños de Poio e o seguirá facendo durante todo o mandato como primeira forza política»

     

    11 de Outubro de 2019. Despois da comparecencia de Luciano Sobral, Chelo Besada e Silvia Díaz este xoves para falar dos “primeiros 100 días” de goberno, o Partido Popular, primeira forza política de Poio, ten claro cal é o verdadeiro resumo destes tres meses: «3 alcaldes que non representan a vontade política dos veciños de Poio, repetindo as mesmas promesas dos últimos 25 anos e cos que todo sigue igual ou pior».

    Así o indicou a concelleira da formación, Rocío Cochón, que tildou a rolda de prensa do xoves de «unha posta en escea que xa anticipou o refraneiro galego: “Dime do que presumes e direiche do que careces”», xa que entre os 3 alcaldes non existe nin proxecto común nin sintonía máis que para cobrar e subirse un 15% as nóminas. O único que os mentén unidos, mentres recortan en axudas aos colectivos, continúan as malas prácticas dos últimos gobernos e «son incapaces de resolver os problemas de Poio».

    Cochón recalcou que os 3 alcaldes compareceron «sen nada que amosar», xa que se limitaron a prometer e anunciar basicamente o mesmo que levaban prometendo e anunciando Sobral e Besada os últimos 25 anos, «só que agora faise a 3 voces», e subliñou que os veciños «viven de feitos, e non de palabras e de fotos».

    «SEGUEN AS CHAPUZAS E A IMPROVISACIÓN EN URBANISMO E A INCAPACIDADE DE DAR INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS DIGNOS AOS VECIÑOS»

    A edil popular recordou que en materia de infraestruturas e servizos os 3 alcaldes negáronse a consignar unha partida para o vial de Raxó e seguen sen dar solucións de estacionamento nas 5 parroquias tras, entre outras cousas, «un verán caótico en Combarro», problemas crecentes en Raxó e máis de 1.000 firmas de veciños de San Salvador.

    Nese sentido, Cochón subliñou que pese á entrada de Silvia Díaz no goberno –xa que Díaz, antes de entrar no goberno, avogaba por darlle información aos veciños e a oposición–, segue sen saberse nada do novo PXOM, e algo semellante sucede coa depuradora, que cada día queda máis claro non foi máis que un “anuncio”: «Oxalá sea verdade e a ampliación de Paxariñas soluciones os problemas de Poio, pero a día de hoxe, nin un só documento pasou por comisión ou polo pleno, nin se deu ningún detalle do proxecto e moito menos da financiación».

    Cochón insistiu na súa esperanza de que finalmente haxa unha solución para o saneamento de Poio pero «neste momento o único que temos é unha foto» mentres seguimos tendo máis de 2.000 veciños sen depuración, e miles de persoas sen saneamento ou auga corrente.

    Cochón exemplificou o «teatrillo para agochar a falta de proxecto común» deste xoves na petición do vial alternativo á PO-308 que hai apenas 3 meses Avante Poio prometía no seu programa que, se entraba no goberno ese vial non se ía facer.

    A concelleira do PP destacou que o único que aprobaron os 3 alcaldes nestes 3 meses foi un Plan de Mobilidade «absolutamente irrealizable tecnica e financeiramente», como advirten os propios técnicos municipais, e que inclúe medidas rexeitadas polos veciños como a eliminación dun carril na Barca.

    A popular apuntou á obra da Seara, paralizada durante semanas, con asulagamentos e un ronsel de problemas como «un exemplo da improvisación e as chapuzas» dos 3 alcaldes, como a obra da Praza da Igrexa de Raxó: «se presumen desa obra pouco hai que engadir. Escolleron a peor data, tiveron que levantar e volver facer o que fixeran, e o resultado final foi unha execución lamentable».

    «VOTAN CONTRA A ECONOMÍA DOS VECIÑOS, SON INCAPACES DE SACAR UN PRESUPOSTO, CARECEN DE ORZAMENTO E RECIBEN OS MESMOS REPAROS DOS TÉCNICOS DOS ÚLTIMOS 15 ANOS»

    No eido económico, Cochón recordou que os 3 alcaldes «votaron en contra de baixarlle o IBI aos veciños e de poñer bonificacións» e amosan a mesma incapacidade de xestionar financeira e economicamente o Concello: «Se son “un único goberno” e din ter “un único proxecto”, como é que non presentan o presuposto en tempo e forma?», preguntou a popular, que lembrou que «o 80% das partidas orzamentarias están esgotadas e a Concellería de cultura dirixida por Silvia Díaz, por exemplo, carece de orzamento desde o primeiro día», e subliñou que presumir de proxecto «non é falar de boquilla», senón aprobar un orzamento.

    Ademais, recordou as queixas de veciños e colectivos polos recortes nas axudas realizados polos 3 alcaldes, «mentres endebedaron ao concello para subirse o soldo un 15%»

    «100 DÍAS DE FALTA ABSOLUTA DE TRANSPARENCIA DE 3 ALCALDES QUE SE ESCONDEN ELES E QUE AGOCHAN INFORMACIÓN Á OPOSICIÓN AOS VECIÑOS »

    Finalmente, no eido da transparencia e a participación, Cochón subliñou que «pese a que era difícil, os 3 alcaldes van camiño de superar a opacidade do Bipartito», despois de que nestes tres meses os membros do goberno ocultasen información, non contestasen ás preguntas nas comisións e plenos e mesmo restrinxisen o dereito á información dos concelleiros do PP, despois de que se fixese público un informe dunha auditoría que afirmaba que a empresa de recollida de lixo lles debe 200.000 euros aos veciños de Poio: «Non só continúan coas mesmas prácticas de confusión, opacidade e sectarismo dos últimos 25 anos, senón que cada vez van a peor».

    Cochón recordou que os 3 alcaldes «seguen sen facer nada para que os veciños poidan ver os plenos por Internet, seguen sen facer nada por implantar un regulamento de participación... e agora enterámonos de que teñen traballadores sen dar de alta», mentres as súas comparecencias públicas se reduciron ao mínimo: «escóndense eles e agochan información á oposición e aos veciños»

    «NESTES 100 DÍAS O PP TRABALLOU POR LEVAR A CABO O PROGRAMA VOTADO POLA XENTE, E POR MELLORAR A VIDA E SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DOS VECIÑOS DE POIO»

    Por contra, Cochón recalcou que durante estes 3 meses, o Partido Popular, como primeira forza política do Concello, foi o único grupo que traballou por levar a cabo o seu programa e por mellorar a vida e solucionar os problemas reais da veciñanza, como demostran as decenas de preguntas e rogos presentadas en comisión e plenos, e as distintas mocións e iniciativas para mellorar as infraestruturas, baixar os impostos e impulsar a transparencia na xestión municipal.

    Por iso, e fronte aos 3 alcaldes que só se poñen de acordo para cobrar e subirse o soldo e que son incapaces de amosar feitos, o PP traballa con unidade e constancia polos veciños de Poio, desde todas as administracións –como demostran as obras nas beirarrúas da PO-308 entre Samieira e Raxó xa case finalizadas pola Xunta de Galicia, ou o proxecto de senda entre Combarro e a Seca promovido polo PP no Congreso– pero especialmente desde o grupo municipal.

    «Nestes 100 días o PP traballou por levar a cabo o programa máis votado pola xente e baixo o liderazgo do candidato máis votado pola xente, Ángel Moldes», recalcou a número 2 do PP local: «Somos o partido con máis apoio dos veciños, temos o candidato á alcaldía polo que votaron maioritariamente os veciños, e somos os únicos comprometido para mellorar Poio e para cumprir o noso programa, cousa que seguiremos facendo durante todo o mandato como primeira forza política de Poio».

Add comment


Security code
Refresh