O BNG comprometérase a cumprir 90 medidas nos cen primeiros días de goberno
Pontevedra 20 xullo, 2016.- Os populares presentaron este mércores un total de 28 mocións coas que esixen ao BNG o cumprimento das medidas que os propios nacionalistas anunciaron para os 100 primeiros días de Goberno. “28 medidas que Lores ía asumir antes do 21 de setembro de 2015, e que seguen sen adoptar case un ano despois”, denunciou o portavoz popular, Jacobo Moreira, en rolda de prensa.
“Ao Goberno do BNG de Lores fáltanlle ideas e está tan illado que recentemente presentou unha serie de instamocións con un só fin: saturar o Pleno con nimiedades, para logo pedir a retirada das mocións da oposición para non alongar a sesión”, manifestou Jacobo Moreira, quen considera que “o Pleno é algo moito máis serio. Se o BNG quere mocións, imos ofrecerlles mocións esixindo que cumpran os seus compromisos”.
Entre as medidas incumpridas, os populares destacan “o proxecto de centralidade en Marcón, a execución dun parque e unha pista deportiva na parroquia de Bora ou o impulso das medidas de transporte público a demanda. Son un exemplo de compromisos anunciados para cumprir nos 100 primeiros días, e que 400 días despois seguen sen cumprirse”.
Con todo, o portavoz dos populares insiste “seguiremos fiscalizando a labor do Goberno do BNG” e esixen aos nacionalistas “que escoiten á oposición porque os pontevedreses encomendáronlle gobernar, pero sen maioría absoluta, polo que o diálogo cos demais grupos faise necesario”.
ESCRITO COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA
Noutro orden de asuntos, Jacobo Moreira resaltou hoxe a remisión dun escrito por parte do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia co que amosan o seu apoio á proposta dos populares para engadir á denominación do Pavillón Municipal dos Deportes, Alejandro de la Sota. Acordo que foi adoptado na Xunta de Goberno da entidade celebrada o pasado 7 de xullo. A proposta do PP, que recibiu o rexeitamento do BNG, PSOE e Marea, sí resulta ter o apoio do COAG.