Poio, 4 de setembro de 2019. No pleno municipal extraordinario deste martes no concello de Poio o PP votou en contra do Plan de Mobilidade Sustentable (PMUS) proposto polo goberno Tripartito, ao constatar que contén medidas como o establecemento do sentido único de saída dirección Pontevedra na Avda. da Barca, algo rexeitado en numerosas ocasións polos veciños e colectivos de San Salvador, e ao considerar que o Plan, tal e como está redactado é «pura propaganda» e outra das típicas cortiñas de fume do Bipartito que agora asumiron os 3 alcaldes.
A concelleira popular responsable de Urbanismo, Rocío Cochón, subliñaron que esta medida, a da implantación do sentido único na Avda. da Barca e na Ponte da Barca (medida esta que tamén aparece mencionada no Plan), xa foi intentada nestes anos polos gobernos de BNG e PSOE e rexeitada masivamente polos usuarios da vía e, particularmente, polos veciños e colectivos de San Salvador, ata o punto de que os veciños desta parroquia se organizaron e mobilizaron para impedir que socialistas e nacionalistas se saíran coa súa.
Cochón lamentou que durante este pleno extraordinario «os 3 alcaldes aprobasen impoñer ás agachadas o que non conseguiron á cara» e advertiu da reacción dos veciños de San Salvador e de todo Poio cando se enteren de que BNG, PSOE e Avante Poio aprobaron en Pleno implantar o sentido único da Barca «ás costas da veciñanza e pola porta de atrás».
Cochón lamentou que os 3 alcaldes repitan agora os mesmos erros dos últimos 25 anos, coa mesma falta de diálogo e intentando impoñer a súa vontade sen contar cos intereses dos veciños, sobre todo cando, en teoría, o acordo de goberno que deu lugar ao tripartito falaba de “rexeneración” e “participación cidadá” e en menos de 3 meses xa se lles caeu a careta en varias ocasións, pero «impoñer medidas como esta sen contar coa opinión dos afectados demostra que o “ordeno e mando” e gobernar de costas aos veciños está no ADN dos 3 alcaldes igual que estaba no do Bipartito, coa única diferencia de que agora cobran 3 soldos».
A popular lamentou que neste sentido, os 3 alcaldes se convertisen no que Luciano Sobral veu sendo durante moitos anos, «unha correa de transmisión dos intereses do BNG e do alcalde de Pontevedra o sr. Lores en lugar de representantes dos intereses dos veciños de Poio» e recordou que Lores sempre contou co seguidismo e a complicidade cega de Sobral, que nunca quixo contradecir ao BNG “da capital” aínda que fose prexudicando aos veciños de Poio e indo directamente contra os seus intereses e as súas opinións, e lamentou que agora PSOE e Silvia Díaz adopten a mesma postura seguidista e subordinada.
Durante o debate, Cochón repasou os numerosos incumprimentos do Bipartito, agora Tripartito, en relación á mobilidade nos últimos anos. Cochón recordou que durante estes anos os sucesivos gobernos locais incumpriron mocións plenarias, continúan a manter paralizado o PXOM, ou desatenderon reiteradamente as peticións dos veciños ou da oposición neste sentido, como a mellora do aparcamento, pero non só iso, senón que tamén obstaculizaron e retrasaron a actuación doutras administracións con mentiras e incumprimentos, como as beirarrúas da PO-308, e subliñou que BNG, PSOE e Avante Poio «nunca demostraron o máis mínimo interese pola mobilidade» e ademais, «non teñen nin os recursos nin a capacidade de xestión para traballar seriamente por este obxectivo».
A concelleira popular tamén apuntou aos informes técnicos que evidencian que o Plan presentado no pleno é financeiramente e técnicamente irrealizable: «O informe de intervención advirte que só para 2020 cumprir o Plan de Mobilidade esixiría pedir un crédito de máis de 2 millóns de euros a maiores de todos os gastos “ordinarios” do Concello», algo que non só é irrealizable senón, con toda probabilidade, ilegal e que ademais o informe fai extensivo a todo o periodo de implantación do Plan: «Ou pensan endebedar aínda máis, con créditos insostibles, aos veciños e son uns irresponsables, ou non o pensan facer e son uns mentirosos».
Por último, a popular resaltou que as únicas administracións que demostraron un compromiso real coa mobilidade sustentable son as gobernadas polo PP, cos investimentos por valor de máis de 6,5 millóns de euros durante esta lexislatura nas sendas peonís e ciclistas da PO-308 da Xunta de Galicia ou a senda entre Campelo e A Seca realizada polo goberno central do Partido Popular, e subliñaron que se o Tripartito quixese comprometerse coa mobilidade, podería empezar por traer a pleno a moción para facer o vial de Raxó que «xa trouxemos ao pleno de xulio pero que polo que se ve non lles parece que teña ningunha urxencia».
Foi precisamente durante o debate desta moción, cando a tenente de alcalde Chelo Besada profiriu en repetidas ocasións insultos dirixidos aos concelleiros do PP, polo que estes decidiron abandonar o Pleno.
Os populares recordaron que esta conducta vense repetindo durante as últimas comisións e plenos, con insultos intolerables e reiterados cara aos integrantes do grupo maioritario da corporación, como «sinvergüenzas», «imbéciles», «mierdas»... e subliñaron que non están dispostos a consentir estas actitudes, impropias dunha membro do goberno de Poio e, aínda menos, dirixidas a representantes democráticos dos veciños e dentro da mesma casa consistorial.
Por último, reiteraron a necesidade de que o Tripartito cumpra o acordo unánime do Pleno de febreiro de 2018, e que leva máis dun ano incumprindo, e esixiu que se implemente de forma inmediata a retransmisión dos plenos «para que os veciños poidan comprobar a verdadeira cara dos 3 alcaldes».