Mos, 18 de xullo de 2016.- O grupo provincial do Partido Popular denuncia que das 35 estradas provinciais que hai no Baixo Miño, só dúas –unha en Mos e outra no Porriño- están incluídas no decálogo de vías provinciais aprobado pola nova Deputación de Pontevedra. No resto, un total de 33, non se poderán acometer nin ampliacións nin cambio de trazados, xa que estas actuacións limítanse para estradas que teñan un fluxo de circulación superior aos 3.000 vehículos diarios.
“Están buscando a forma de non ter que investir nas estradas da provincia”, critica a voceira do grupo popular Nidia Arévalo. “Este decálogo condena a que os concellos non teñan melloras nas vías provinciais, e os condena por non haber suficiente xente, un límite que só se cumpren nas cidades, e sen ter en conta nin os prexuízos e nin as desigualdades que están provocando para a provincia”.
Precisamente, o PP defenderá no pleno provincial deste mes unha moción na que solicitan que deroguen, como mínimo, tres dos dez criterios que compoñen o decálogo. “Non é de recibo que se impoñan uns límites que inclúen só a unha de cada dez estradas provinciais, e que nesta comarca exclúen a 33 das 35 vías que hai”, apunta Nidia Arévalo, que engade que “tampouco é de recibo que se obrigue aos concellos a asumir entre o 30 e 40% do custe das obras de urbanización de estradas que son provinciais, e moito menos, que aínda por riba se lles obrigue a asumir a súa titularidade despois da obra, como condición indispensable”.
Nidia Arévalo incide en que, precisamente, son estas vías as que maior axuda debería recibir, de acordo coa función principal que deben asumir estas institucións, que é apoiar aos pequenos e medianos concellos. A voceira tamén cuestiona a “legalidade” deste decálogo e espera que desde a institución provincial respondan o escrito que os populares presentaron para pedir un informe ao respecto.
ATA O 40% DO CUSTE E TRANSFERENCIA MASIVA
Tamén explica a voceira popular que “os concellos que teñan a sorte de contar cunha estrada que estea incluída neste decálogo, van ter que asumir entre o 30 ou o 40% do custe da urbanización”, o que ao seu xuízo, “é un problema para as contas municipais, sobre todo en concellos nos que dispoñen de orzamentos máis limitados e que, ou ben terán que renunciar a ofrecer estradas seguras, ou ben a ofrecer outro tipo de servizos que se prestan con cargo a fondos propios”.
Desde o PP tamén amosan a súa desconformidade coa “transferencia masiva” de vías provinciais aos concellos, tal e como se recolle no criterio 9 do decálogo. Entenden que é “unha especie de ultimato que lle dan aos concellos, ou aceptas a titularidade da estrada, con todo o que iso conleva, ou non hai investimento”.
Nidia Arévalo recorda que xa antes de que se aprobase en pleno, o grupo do PP propuxo ao bipartito “que buscasen o consenso dos alcaldes da provincia porque é un documento que lles afecta de cheo, pero preferiron elaboralo e aprobalo sen ter en conta as súas opinións e necesidades”.